Pontón propón un pacto “coa sociedade galega” fronte “o circo” estatal

Pontón propón un pacto “coa sociedade galega” fronte “o circo” estatal
Ana Pontón.
Ana Pontón.  
“Fronte o enfado e o desencanto, a aposta é o BNG”, dixo a líder nacionalista nun acto con militantes no que urxiu o “empoderamento” das galegas e galegos “para facerse valer”.

“O Bloque nunca fixo parte do problema senón que quere ser parte da solución. Representamos a solidez e a responsabilidade neste escenario de política irresponsable”, dixo Ana Pontón onte nun acto con militantes en Vila de Cruces.

A líder nacionalista reafirmou o seu convencemento de que “Galiza vai ter representación propia no Congreso”, e será da man do BNG fronte ao “circo” das forzas estatais.

Pontón propuxo unha alianza "coa sociedade galega” para defender os intereses do país respecto do modelo de financiamento, das infraestruturas, a industria, a mellora das pensións e da sanidade. “Queremos tecer esa alianza co máis vivo, dinámico, innovador e consciente da nosa sociedade. Urxe un cambio real que poña fin á discriminación das forzas estatais, e ese cambio debe estar protagonizado pola sociedade galega a partir da súa activación, a partir do seu empoderamento para facerse valer”.