Pontón responde a Beiras: "Non podemos valorar propostas que non existen"

Pontón responde a Beiras: "Non podemos valorar propostas que non existen"
Ana Pontón atende os medios en Compostela
Ana Pontón atende os medios en Compostela  

O sorpresivo movemento de Beiras —secundar unha proposta de Arnaldo Otegi para abrir a porta a un acordo con EH Bildu, ou sexa, tamén co BNG nas europeas— achou xa resposta por parte da portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón. "En política temos que ser serios. Para valorar propostas esas propostas teñen que existir e ser serias. Non podemos valorar propostas que non existen", dixo esta quinta feira aos medios.

 

 


O BNG non contempla un escenario distinto ao de concorrer ás europeas de maio en coalición con EH Bildu e ERC. Iso é o que se desliza das declaracións feitas esta quinta feira por Ana Pontón ao ser perguntada polo dito onte por Xosé Manuel Beiras en relación á política de alianzas de Anova para a Eurocámara [o veterano líder ofereceuse a manter conversas coa esquerda abertzale para explorar unha hipotética entente electoral].

A declaración de Beiras distou de ser unha oferta formal. De feito, foi inmediatamente matizada polo portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, quen quixo esclarecer que "non hai ninguna proposta concreta sobre a mesma".

Un argumento semellante utilizouno esta quinta feira Ana Pontón. "En política temos que ser serios. Para valorar propostas esas propostas teñen que existir e ser serias. Non podemos valorar propostas que non existen", dixo.

Pontón enfatizou que a formación soberanista non quer entrar "nin en especulacións nin en leas nin en barullos" e, nese sentido, fixo votos por que os grupos que conforman En Marea "non tenten trasladar os seus problemas e as súas leas ao BNG".  

O Bloque non está en política "para solucionar as leas de En Marea", dixo. "Estamos para traballar polos problemas do país, para traballar con seriedade e rigor para os galegos", concluíu.