ESTARÁ EN 41 EXECUTIVOS E TERÁ 27 ALCALDES E ALCALDESAS

Pontón salienta que 400.000 galegas terán gobernos locais co BNG

Pontón salienta que 400.000 galegas terán gobernos locais co BNG
Ana Pontón (terceira pola esquerda) e Fernández Lores (cuarto pola esquerda), este sábado, 15 de xuño, en Pontevedra. Foto: BNG.
Ana Pontón (terceira pola esquerda) e Fernández Lores (cuarto pola esquerda), este sábado, 15 de xuño, en Pontevedra. Foto: BNG.  

Máis de 400.000 galegas e galegos vivirán en localidades con goberno liderado ou participado polo BNG. Salientouno este sábado, desde Pontevedra, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, para quen esa cirusntancia servirá “para traballar por esa outra Galiza posíbel”.
 


“Impulsaremos desde máis cidades e vilas un modelo municiap, de éxito contrastado”, afirmou antes de asistir á sexta toma de posesión consecutiva de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde de Pontevedra, “que se caracteriza pola defensa da democracia, pensado para apoiar o potencial que ten o país, capaz de mellorar as vida das persoas, de imprimir dinamismo económico, social e cultural, feministas e orgullosas da nosa lingua e a nosa identidade como pobo”.

Pontón tamén se referiu ao sucedido en Ourense, onde o PP entregou a alcaldía a Gonzalo Díaz Jácome, de Democracia Ourensana, a cambio de manter Baltar á fronte da Deputación. Para a líder do Bloque, “é a demostración de até que punto Feixoo está desesperado e aplica a peor política de todas: manterse no poder custe o que custe”. Vaticinou, ademais, que nas eleccións galegas do vindeiro ano “se abrirá un novo tempo político”.

O Bloque nos concellos

Nun comunicado emitido polo BNG, a organización dá conta dos concellos en que gobernará ou en cuxos gobernos participará. A formación nacionalista obtivo maioría absoluta en San Sadurniño, Moeche, Carballo, Zas, Mazaricos, Santiso, Barro, O Rosal, Tomiño, Ribadeo, A Pobra de Brollón, Allariz, Baños de Molgas e A Mezquita. Gobernará con maioría simple en Rianxo, Pontevedra, Bueu, Moaña, Ponteareas, Barreiros, Muras, Castrelo de Miño e Vilar de Barrio. Como forza máis votada alternativa ao PP gobernará nos concellos de Poio, As Neves, Verea e Viana do Bolo. E cogobernará en Lugo, Ames, Cabanas, Oroso, Ames, Dodro, Cambados, Cangas, Vilaboa, Baiona, O Porriño, A Guarda, Foz e Verín.