PONTÓN, SANMARTÍN E MIRANDA

Pontón sinala un BNG en alza para dar a Santiago o proxecto transformador que necesita 

Pontón sinala un BNG en alza para dar a Santiago o proxecto transformador que necesita 
Ana Pontón en Compostela
Ana Pontón en Compostela  

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no mitin celebrado pola súa formación na capital galega, xunto a candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, e a alcaldábel nacionalista Goretti Sanmartín. “Non queremos retroceder, nin repetir catro anos de ineficacia e parálise” afirmou Pontón, quen puxo como exemplo para Compostela o modelo transformador que fai o BNG onde goberna.


No ateigado mitin de Compostela organizado polo BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, apuntou que a formación que lidera está a alza e destacou o modelo municipal nacionalista, do que afirmou que “funciona”, que é transformador e capaz  de “construír concellos que se converten en referentes a favor das persoas,  de calidade de vida, concellos feministas, sustentábeis e honestos”. E engadiu que alí onde o Bloque goberna xestiónase ben cada euro. Salientou ademais o exemplo dos concellos gobernados polo BNG por seren “dinámicos no económico, no social e no cultural”.

Pontón salientou o exemplo dos concellos BNG por seren “dinámicos no económico, no social e no cultural”

Pontón sinalou que precisamente ese é o modelo que presenta o BNG para Compostela “como alternativa á decepción destes catro anos e como alternativa a quen quere retroceder ao pasado”, afirmou. Nese sentido, a portavoz nacional do BNG convidou á veciñanza de Compostela a “non resignarse a retroceder nin a conformarse con quen só trouxo decepción” e engadiu que o proxecto do BNG “ten a man a man tendida para avanzar cara a ese Santiago que nos merecemos, abrindo un tempo novo en Compostela con Goretti Sanmartín como alcaldesa”, proclamou.

Ademais de presumir dun “BNG a alza” afirmou Pontón que van a por todas para darlle a Santiago o proxecto transformador que necesita

Hai candidatos nerviosos, afirmou Pontón, “porque son conscientes da decepción que provocaron, nerviosos polas enquisas e polo ascenso do BNG” e dirixiuse a eles para pedirlles “que non se equivoquen de inimigo”. Ademais de presumir dun “BNG a alza” afirmou que van a por todas para darlle a Santiago "o proxecto transformador que necesita”.

Goretti Sanamartín: O BNG é garantía de que haxa un verdadeiro goberno que aplique políticas de esquerda e nacionalistas

A candidata á alcaldía polo BNG, Goretti Sanmartín, afirmou que quere “aplicar o modelo de concellos BNG para botar a andar Santiago” e para iso está a recoller “a enerxía e as vibracións positivas” que transmite a veciñanza. Sanmartín augurou que o Bloque será a sorpresa do 26 de maio, xa que nun previsíbel contexto sen maiorías absolutas o BNG será “garantía de que haxa un verdadeiro goberno que aplique políticas de esquerda e nacionalistas”, afirmou.

Sanmartín, afirmou que quere “aplicar o modelo de concellos BNG para botar a andar Santiago”

A alcaldábel da capital galega sinalou a necesidade “da vontade de diálogo e negociación coas administracións para recuperar peso político para a capital do país”, e entre as prioridades salientou humanizar o Ensanche, saldar a débeda histórica do rural e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, comprometeuse a aplicar o pacto polo rural proposto por Ferusa, o pacto polas infraestruturas e a reindustrialización proposto polo Foro cívico e tamén a abordar un diálogo coa Igrexa para conseguir, entre outras cuestións, que pague o IBI.

Ademais, Sanmartín anunciou que converterán Compostela nun referente cun Consello de Memoria Histórica, cun proxecto de historia das mulleres e na loita contra a LGBTfobia. Outra prioridade que tamén enunciou é “mediante o modelo BNG” conseguir unha cidade histórica viva, “con servizos, fibra óptica, con axilidade nas licenzas, con ascensores, mellora da accesibilidade e axudas para a insonorización; para que o comercio e o mercado teñan vida”.

Mulleres libres

Sanmartín afirmou que “queremos mulleres libres, nunha cidade ben iluminada e libre de agresións machistas como a que acaba de sufrir Montse en Vimianzo”. Sinalou a urxencia de contar cun xulgado de violencia de xénero en Compostela e que o plan de Igualdade sexa de verdade transversal e estea dotado economicamente. “Temos que pasar da necesaria sensibilización á actuación”, afirmou.

Ana Miranda pulará como eurodeputada pola recuperación de dereitos democráticos e liberdades

A candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, salientou o carácter “feminista” da candidatura nacionalista e afirmou que as mulleres non queren ser números nas estatísticas da violencia machista, “senón que queremos ser libres e iguais, e non imos permitir nin un paso atrás na defensa dos nosos dereitos”.

Ana Miranda, salientou o carácter “feminista” da candidatura nacionalista e afirmou que as mulleres non queren ser números nas estatísticas da violencia machista

Nesa liña, Ana Miranda comprometeuse a seguir defendo desde Bruxelas os dereitos das persoas LGTBIQ, en particular nun momento de involución democrática e de liberdades. Anunciou tamén o seu compromiso coa loita por unha Europa social e dos pobos, “fronte a Europa dos lobbies económicos e dos estados que prima os intereses do capital e da banca fronte a vida das persoas”. afirmou.