Pontón vaticina que o BNG volverá ao Concello de Vigo

Pontón vaticina que o BNG volverá ao Concello de Vigo
Ana Pontón (no centro) e o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Iglesias (á súa esquerda). Foto: BNG.
Ana Pontón (no centro) e o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Iglesias (á súa esquerda). Foto: BNG.  

Entre os principais obxectivos que o BNG se marcou para estas eleccións municipais atópase o de regresar ao Concello de Vigo. Insistiu esta mañá a súa portavoz nacional, Ana Pontón, quen vaticinou que os nacionalistas volverán ao pleno despois de quedar fóra hai catro anos. “Moitos dos mellores proxectos desta cidade levan a pegada nacionalista”, afirmou.
 


Pontón acompañou en Vigo ao candidato á alcaldía da organización, Xabier Pérez Igrexas, e aproveitou para lembrar “a importante pegada” do Bloque no municipio: na “recuperación e rehabilitación do casco vello, a reurbanización e peatonalización do Calvario ou o desenvolvemento do barrio de Navia”.

Por este último pasearon portavoz e candidato, e comprometéronse a defender “tanto no concello como noutras administracións” as “demandas veciñais de servizos públicos”. En Navia vien 4.000 familias, máis de 10.000 persoas. “E sofren a dinámica de confrontación institucional na que están instalados Feixoo e Caballero, unha pelexa de egos que paga a veciñanza”, denunciou Pontón, “nós queremos un Vigo que se constrúa tendendo pontes”.

Segundo a dirixente do BNG, o retorno da formación á corporación municipal “servirá para construír un Vigo en positivo, máis xusto e solidario que dea un paso adiante nun novo modelo de urbanismo, menos ruidoso e con máis espazos peonís”. Segundo ela, iso encaixaría no “modelo municipal do BNG”, que contrapuxo ao “doutras forzas políticas que actúan como franquías que, ou ben imitan o que pasa noutros lugares alleos á realidade das vilas e cidades do país, ou ben impoñen políticas fracasadas”.

Pérez Igrexas prometeu que por´`a fin “ao abandono do barrio de Navia”, á súa “falta de dotación de servizos e equipamentos”, ao tempo que atacou a Xunta polos mesmos motivos: “Négase a novos equipamentos educativos”.