CIMEIRA DO PODER MUNICIPAL DO BNG

Pontón ve nunhas eleccións xerais anticipadas a oportunidade de Galiza recuperar unha "voz propia"

Pontón ve nunhas eleccións xerais anticipadas a oportunidade de Galiza recuperar unha "voz propia"
Foto de familia durante a cimeira municipal do BNG
Foto de familia durante a cimeira municipal do BNG  Foto: BNG

Na axenda da formación nacionalista, que esta cuarta feira organizou unha cimeira con alcaldesas, alcaldes e responsábeis municipais, está a escolla das cabezas de lista das 7 cidades por volta do Día da Patria Galega 2018. A hipótese dun anticipo eleitoral no Estado é vista por Ana Pontón como unha oportunidade para Galiza voltar a ter voz no Congreso, dada a súa "ausencia" estes anos no debate estatal.


Un acto simbólico -a reunión en Compostela de todo o poder municipal do BNG- mostrou que o a formación nacionalista se toma moi en serio a precampaña das municipais 2019, uns comicios locais con inequívoco ar de primarias das galegas de 2020. Sobre o calendario eleitoral paira agora, alén do máis, a seria hipótese dun adiantamento das eleccións xerais, após a sentenza condenatoria ao PP pola trama Gürtel e o lanzamento por parte do PSOE dunha moción de censura a Raxoi. Ese foi sen dúbida o asunto máis comentado nos corrillos que se formaron nesta cimeira entre alcaldesas, alcaldes e responsábeis municipais do BNG, liderados por Ana Pontón.

O BNG quer transmitir a idea de que vai a por todas nas locais de 2019. O Bloque está convencido de que a súa xestión ao fronte dos concellos que goberna ou co-goberna é vista con simpatía crecente por parte da sociedade galega. En palabras de Ana Pontón: "Temos unha organización solvente e cohesionada, temos un proxecto de país e temos o aval dos gobernos sólidos e de éxito dos concellos nacionalistas".

Antagonizar co PP

No combate eleitoral de maio de 2019, o BNG quer antagonizar nomeadamente co PP, un partido ao que xulga como "corrupto", liderado por un Feixóo no seu papel de "xudas para Galiza". A escolla que coloca a organización frentista é, portanto, ou máis corrupción ou o modelo de concellos nacionalistas, referentes de "honradez, de políticas de benestar, de calidade de vida, de defensa do idioma, de rexeneración urbana e de dinamismo económico e social", enumerou Pontón.

Estamos xa a finais de maio e o BNG quer concluír este curso político, ao que sempre pon o ramo para o nacionalismo galego o Día da Patria Galega, coa escolla por volta do 25 de xullo dos número un das candidaturas ás sete cidades galegas. Un proceso que, enfatizou Pontón, debe realizarse "coa flexibilidade necesaria para que a militancia nas comarcas tome as decisións máis acaídas canto a persoas e proxectos para cada cidade".

Contexto estatal e moción de censura

O contexto político estatal proxectou a súa longa sombra sobre a cimeira. En vésperas da moción de censura a Raxoi, a líder do BNG agarda que a iniciativa non sexa un mero xesto "pre-eleitoral" e que, en troca de o ser, sirva para dar un impulso á "necesaria rexeneración política que require unha mudanza profunda dun réxime corrupto".

Non lle mete medo a Pontón a perspectiva do avanzo eleitoral. Antes o contrario, ve nela unha hipótese para Galiza voltar a aparecer con perfil propio nas Cortes Xerais do Estado. "Durar o que durar, esta é unha lexislatura perdida que constatou que Galiza precisa de forzas políticas propias de obediencia galega após tres anos desaparecida do debate estatal", dixo. Constatou Pontón que estes anos estiveron protagonizados por "vascos e cataláns", mentres "Galiza estivo ausente".

No seu balanzo, a líder nacionalista considerou tamén que a lexislatura -que en termos políticos ve totalmente morta- deixa a imaxe dunha esquerda estatal "desorientada" fronte a unha dereita "que lle marcou o espazo e o relato".