ENTREVISTA NA RADIO GALEGA

Pontón: "Dubido que os deputados galegos en Madrid antepoñan os intereses do país aos dos seus partidos"

Pontón: "Dubido que os deputados galegos en Madrid antepoñan os intereses do país aos dos seus partidos"
Ana Pontón
Ana Pontón  

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, asegurou hoxe nunha entrevista na Radio Galega que dubida de que "os deputados galegos no Congreso antepoñan os intereses do país aos dos seus respectivos partidos". Pontón laiouse ademais de que o cambio de Goberno no Estado "supuxera continuísmo na discriminación que sofre Galiza", antes con Raxoi coa complicidade de Feixoo e agora cun PSOE "que nos segue a castigar nos Orzamentos Xerais do Estado". "As forzas estatais estannos conducindo á máis absoluta das irrelevancias", asegurou. 

A deputada nacionalista referiuse en concreto aos investimentos, que descenden un 30%, e retrucou aos que sinalan que se esta caída ten a ver co avance nas obras do AVE "cando en Andalucía o teñen desde hai 25 anos e aínda así os investimentos aumentan un 45%". 

Tamén falou como indicador do desleixo co que o Goberno do Estado trata Galiza das autoestradas, en concreto a AP-9, cuxas peaxes seguen a subir mentres se rebaixan aqueloutras "nas ruinosas madrileñas" construídas polos gobernos de Aznar e Aguirre. Criticou asimesmo que os discursos de PP e PSOE muden cando non gobernan en Madrid e, nese sentido, destacou o "exercicio de travestismo político" de Feixoo ao reclamar agora competencias para Galiza cando desde que goberna non pediu nin unha soa. "Quere marcar diferenzas coa extrema dereita, que é socia do seu partido en Andalucía", dixo.