ACUSA FEIXOO DE "DISTRAER" Á OPINIÓN PÚBLICA

Pontón: "Só faltaba que o partido condenado por corrupción reparta carnés de demócrata"

Pontón: "Só faltaba que o partido condenado por corrupción reparta carnés de demócrata"
Ana Pontón
Ana Pontón  Foto: BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou nunha entrevista en RNE que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quere "distraer" a opinión pública "para que non se poña o foco nos problemas reais de Galiza", como a situación de Alcoa, na que, sostivo, "o PP está desaparecido da solución", ou da sanidade pública. "Non creo que o Partido Popular", engadiu, "estea en condicións de nos dar leccións de nada. Só faltaba que o partido condenado por corrupción reparta agora carnés de demócrata", en referencia ás acusacións vertidas por Feixoo en sede parlamentar sobre Resistencia Galega. "É unha acusación desproporcionada", apuntou Pontón, "pois o BNG entende que a única arma que se pode usar en política é a palabra e a defensa das ideas por vías democráticas".

Ana Pontón subliñou tamén que as eleccións municipais do pasado 26 de maio puxeron de maniesto "un gran trompazo para o PP", o que, ao seu xuízo, "abre expectativas para que o ano que vén poida producirse un cambio político na Galiza". "O problema deste país", engadiu a portavoz nacional do BNG, é que temos un goberno que non é capaz de pór solucións aos problemas; é máis, é parte do problema". 

No que respecta ao conflito no Concello de Vigo pola negativa do alcalde, Abel Caballero, a que o BNG conforme grupo municipal, Pontón sostén que cómpre "separar" a situación municipal das negociacións para alcanzar un acordo de goberno na Deputación de Pontevedra. "O que está a pasar en Vigo non é presentable en termos democráticos", manifestou. "Con todo", engadiu, "unha cousa é o que pasa no concello e outra é o debate e o mandato das decisións nacionais do BNG".