O PP afunde no Parlamento a proposta popular para a xestión pública das centrais hidroeléctricas

O PP afunde no Parlamento a proposta popular para a xestión pública das centrais hidroeléctricas
O responsábel de CIG-Industria Fernando Branco durante a súa intervención no pleno [Imaxe: CIG]
O responsábel de CIG-Industria Fernando Branco durante a súa intervención no pleno [Imaxe: CIG]  

Esta terza feira un representante da CIG-Industria defendeu no Parlamento unha Lei de Iniciativa Popular (ILP) que solicitaba a xestión pública dos encoros en territorio galego unha vez caducada a súa concesión. A proposta encallou tras recibir 39 votos en contra do Partido Popular, grupo maioritario da cámara, á vez que a oposición pechou filas na súa defensa.

 


A Proposición de Lei de Iniciativa Popular (ILP) de medidas para xestionar os aproveitamentos hidráulicos encallou no pleno parlamentar desta terza feira. A proposta, defendida polo responsábel de CIG-Industria, Fernando Branco, recibiu 39 votos negativos do PP fronte aos 32 positivos que sumou a oposición. Branco denunciou ao partido de “actuar” perversamente para os intereses da Galiza.

“Por pouco o conseguimos”, afirmou Fernando Branco na súa segunda e última intervención no Pleno. O responsábel de Enerxía de CIG-Industria falou a prol dunha proposta presentada o pasado xullo e reforzada co apoio de máis de 13.000 sinaturas. A ILP reivindica que se cumpra a Lei de Augas, que contempla o retorno das concesións hidráulicas ás Administracións unha vez caducadas. Demanda que aquelas que poidan seguir producindo enerxía o fagan desde a xestión pública e que os beneficios revertan nas comunidades locais, para axudar a combater a pobreza enerxética. “Devolver ao público o que sempre foi público”, resumiu.

“O problema coas hidráulicas é que nunca se recuperan”, advirte Francisco Branco, responsábel de CIG-Industria

De media, Galiza produce máis do 20% da enerxía do Estado. “O sistema que se seguiu na Galiza foi o da concesión á empresa que realizaba o investimento, hoxe conta con 166 centrais hidráulicas, 45 de grande hidráulica e 212 minihidráulicas”, debullou Branco. Os ríos que subministran a materia prima ás centrais divídense en dúas bacías, a xestionada pola Xunta da Galiza e a administrada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. O prazo das concesións, moitas delas outorgadas durante a ditadura franquista na década dos 30 e 40, non pode exceder os 75 anos. “O problema coas hidráulicas é que nunca se recuperan, hai concesións do século XIX sen recuperar, chegamos a crer que Os Peares é de Naturgy”, expuxo o responsábel da CIG.

O defensor da ILP denunciou que o impacto que reciben as bacías galegas que soportan as centrais non reverte na poboación, lembrando que a factura eléctrica galega é a máis cara do Estado. Faino o mesmo mes que as empresas eléctricas comezan a aplicar nas facturas o 'suplemento territorial', co que recuperan os impostos ambientais autonómicos que pagaron en 2013 tras unha sentenza do Tribunal Supremo. “Penalizan a quen produce, quen exporta, por iso faise hoxe precisa esta ILP”, dixo Branco.

Branco concluíu acusando ao PP de “frear acontecementos que van pasar”. Respondeu ao argumento da voceira de Enerxía Marta Nóvoa, quen argumentou que a potencia das concesións que van caducar é moi baixa: “Sabe canto custa producir un MW hidroeléctrico? 3, 4 ou 5 euros. Sabe canto se retribúe nunha xornada normal? Ao redor de 50 euros. Sabe o que se produce ano tras ano? Iso negan ao pobo galego”. O defensor da ILP acusou tamén ao Partido popular de “renunciar a gobernar este país”.

O PP apóiase na lexislación vixente

Na súa intervención no Pleno, a voceira do PP Marta Nóvoa afirmou que sería “inviable un ente público que xestionara as centrais hidroeléctricas da demarcación Galicia Costa, cunha produción total de 520 megavatios”. “A caducidade das concesións hidroeléctricas é unha cuestión complexa que esixe dunha análise en profundidade e caso a caso, polo que non se pode falar dunha solución xeral porque cada caso ten as súas peculiaridades. As decisións virán guiadas polo interese xeral”, defendeu.

A voceira do PP sinalou durante a súa intervención que “todo o que pretenden modificar con esta proposta lexislativa xa está recollido na lexislación vixente” e acusou a Branco de acudir ao pleno facer “demagoxia”.

Apoio dos grupos da oposición

No Pleno a oposición uniuse no apoio á ILP, solicitando a creación dunha empresa pública para a súa xestión. O portavoz do Grupo Mixto, Pancho Casal, expuxo que “Endesa xestionou centrais hidráulicas sendo unha empresa pública con máis eficiencia para o público que o que fai como empresa privada”. Casal lembrou que a lei outorga 18 meses para resolver as concesións caducadas, “pero o prazo excede máis de dous anos”. A portavoz do BNG, Noa Presas, defendeu que a proposta de lei supón “un desenvolvemento económico e social, cando hai empresas pechando polo prezo da luz e galegas en risco de exclusión social con problemas para pagar a factura da luz”.

Antón Sánchez, do Grupo Común de Esquerda, defendeu unha xestión racional da auga, “especialmente en períodos de seca” e lembrou que Galiza “regala o 33% da enerxía que produce”. O portavoz do PSdeG, Luis Manuel Álvarez, expuxo a necesidade de solicitar orzamentos ao Estado “para que as Administracións autonómicas, locais ou supramunicipais poidan explotar os aproveitamentos” ademais de “procurar combinacións de participación de xestión”.