MUNICIPAIS

O PP agardará a coñecer o resultado das urnas para valorar pactos con Vox en Galiza

O PP agardará a coñecer o resultado das urnas para valorar pactos con Vox en Galiza
Paula Prado
Paula Prado  

Paula Prado prefire agardar a coñecer os resultados das urnas do 26 de maio para valorar a posibilidade de pactar con Vox nos distintos concellos de Galiza.


Na súa comparecencia aos medios como viceportavoz do PP no Parlamento de Galiza, Paula Prado amosouse partidaria de agardar a coñecer os resultados das eleccións municipais e europeas do vindeiro 26 de maio para poder valorar posíbeis pactos con Vox nos concello galegos.

A preferencia para Prado como obxectivo a curto prazo é, segundo sinalou, gañar os comicios en todos os concellos de Galiza. Mais non quixo facer prognósticos nin valorar enquisas, e remitiuse a afirmar que os únicos inquéritos válidos son os que sairán das urnas o día 26 de maio en cada colexio electoral. Nesa liña, chamou a agardar a coñecer o resultado “para valorar esa situación”, en relación aos posíbeis pactos coa formación de ultradereita.

Prado recoñeceu "erros de estratexia" cometidos na campaña

A deputada e viceportavoz do PP no Parlamento recoñeceu "erros de estratexia" cometidos na campaña mais negou que mudaran de criterio após a xornada electoral e logo do fracaso do Partido Popular. Nese reforzo de mensaxe, afirmou que “o PP sempre foi un partido reformista e centrista, de centro dereita e seguiralo sendo" e puxo en valor a participación de Pablo Casado a pasada fin de semana nunha romaría no concello do Pino.

Prado tamén chamou o votante tradicional do PP, que desta volta apostou por outras opcións e que agora viu “que houbo votos que non sumaron ao PP”, a que voten polo Partido Popular porque é “é máis útil”.

Feixoo inclúe o termo autonomismo no seu discurso mais deixa a Galiza bloqueada sen transferencias

A pesar de o PP avogar no seu programa electoral das xerais por paralizar todas as transferencias, Alberto Núñez Feixoo insiste en desdicirse e agora ensalza “o autonomismo como fórmula fronte o independentismo e a recentralización”.

Feixoo cargou contra as forzas soberanistas por quereren “complicarnos a vida e dividirnos”

Na súa viaxe a Castela e León, compareceu xunto ao presidente desta comunidade, Juan Vicente Herrera, no foro económico de Valladolid. Desde alí cargou contra as forzas soberanistas por quereren “complicarnos a vida e dividirnos”, afirmou. Fixo ademais unha defensa da Constitución Española fronte a quen a ve como “un estorbo” e chamou a fortalecela.