O PP aproba en solitario os orzamentos para 2019

O PP aproba en solitario os orzamentos para 2019

A oposición rexeita unhas contas que considera que non atenden as necesidades de Galiza.


Tal e como estaba previsto, os orzamentos de Galiza de 2019 saíron adiante cos votos en solitario do PP, nunha dinámica que se vén repetindo nestes anos de gobernos de Núñez Feixoo. A oposición (En Marea, PSdeG e BNG) votaron en contra dunhas contas que, consideran, non atenden nin dan resposta ás necesidades de Galiza. A Xunta xa aprobara un teito de gasto para o ano que vén de 9.850 millóns de euros. 

En Marea presenta 524 emendas aos orzamentos da Xunta para 2019. O seu portavoz Luis Villares, hai que "camiñar cara á igualdade material. E isto non vai ser posible con estes orzamentos da Xunta, que avanzan unha nova etapa de recortes. Uns orzamentos restritivos que non dan respaldo real ás políticas sociais". Villares lembrou que "formulamos 524 emendas nun plan a 5 anos pensado para recuperar o investimento social e poñer ás persoas no centro das políticas públicas. Un plan que xa foi rexeitado polo PP, que usou a súa maioria parlamentaria para frear calquera negociación".

Para Fernández Leiceaga, do PSdeG, os orzamentos son os propios da “visión edulcorada de Galiza” que ten o Partido Popular e, xa que logo, estas contas non serven para a Galiza real. Os socialistas presentaron 619 emendas, das cales 73 foron ao articulado.

Desde o BNG, Ana Pontón considera que as contas de Feixoo “manteñen a precariedade e o sufrimento das políticas de recortes en sanidade, dependencia e emprego”. A portavoz nacionalista cualifica os orzamentos de “antisociais e sen futuro para este país que deixan unha Galiza en precario  con salarios e pensións baixas, mentres se disparan as facturas de servizos básicos como a auga, a luz, o gas”. Para a líder do Bloque, Feixóo “é parte do problema e non da solución”, e as contas que presenta son propias “dun presidente acomplexado que non confía en Galiza”.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, defendeu hai unha semanas que estabamos perante uns orzamentos “realistas”, incidindo en que Galiza vai ter a seguridade que dá contar cunhas contas aprobadas, o que contrapuxo á “inseguridade” que vive o goberno español para aprobar os seus orzamentos.