O BNG RECUPERARÍA A SÚA REPRESENTACIÓN NO CONGRESO

PP, Ciudadanos e Vox non sumarían na Galiza

PP, Ciudadanos e Vox non sumarían na Galiza
Colexio electoral na Coruña, durante as eleccións estatais de abril [Cedida]
Colexio electoral na Coruña, durante as eleccións estatais de abril [Cedida]  

Domingo de enquisas. A só un día do remate do prazo legal para a súa publicación, os medios de comunicación apuran a divulgación dos seus estudos demoscópicos. En síntese: o tripartito de dereitas (PP, C's e Vox) non suma na Galiza mentres que o PSOE continuaría como a forza máis votada e o BNG recuperaría a representación no Congreso.


A maior parte das previsións dos estudos de opinión coinciden en situar o PSOE como a primeira forza na Galiza. Unha superioridade que destaca con claridade nas circunscricións de Pontevedra e A Coruña. Disputa a primeira praza en Lugo e Ourense. As enquisas sitúan o partido de Pedro Sánchez nos dez escanos, co que igualaría os resultados da anterior cita e hexemonizaría ao tempo a representación galega ao Senado.

O PP, segundo as sondaxes, pelexa por recuperar posicións. Malia o esforzo do partido de Pablo Casado por mellorar os resultados dos comicios de abril, os estudos publicados nos diversos medios de comunicación e os elaborados a instancias da propia formación política coinciden á hora de confirmar a derrota dos populares. Neste sentido, preocupa entre os de Alberto Núñez Feixoo a súa incapacidade para sumarse a vaga ascendente que a formación vive no resto do Estado, responsabilizando desta situación o perfil centralista e dereitista que trasladan desde a dirección estatal.

Feixoo amosase especialmente preocupado. O presidente da Xunta enfronta esta campaña convencido de que as posibilidades de repetir ao fronte do Goberno galego pasaban por gañar con folgura as eleccións estatais de novembro. Malia a intensidade imprimida á campaña, recorrendo a súa potente estrutura organizativa coa intención de chegar porta a porta á cidadanía, e do seu enfoque como unhas primarias das galegas, o partido non dá despegado na Galiza.

Galiza en Común mantén a súa representación no país. A marca impulsada por Podemos e Esquerda Unida acadará con toda probabilidade representación en Pontevedra e A Coruña, posibilitando o retorno ao Congreso do secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino, e da dirixente de Esquerda Unida Yolanda Díaz. A aparición dunha nova oferta electoral nas proximidades do seu espazo político, neste caso Más País, formación liderada por Íñigo Errejón e da que fan parte antigos militantes da organización como Carolina Bescansa, e a tendencia á baixa no conxunto do Estado, non ten repercusión ningunha na Galiza.

As posibilidades electorais de Ciudadanos semellan escasas. Á vista da practica totalidade das sondaxes, o partido laranxa perdería as súas actas na circunscrición de Pontevedra e A Coruña, producíndose un corremento do seu electorado cara a Vox. A formación da Abascal estaría en condicións de mellorar os seus resultados dos pasados comicios, situándoa algunhas enquisas en condicións de disputarlle ao BNG  un deputado pola circunscrición da Coruña. Á vista destes números, o tripartito de dereitas non sumaría maioría absoluta na Galiza e produciríase unha diminución na súa representación.

A volta do BNG ao Congreso

O BNG retornaría ao Congreso. Segundo as diversas enquisas publicadas polos medios galegos e estatais, as nacionalistas estarían en condicións de obteren representación nas circunscricións atlánticas. Mentres os estudos elaborados por Sondaxe para La Voz de Galicia, 40 dB para El País, ou Electomanía, outórganlle un deputado na Coruña, a sondaxe realizada por DYM e publicada polo Faro de Vigo e La Opinión A Coruña, asígnanlle entre un e dou escanos, co que sairían eleitas Carme Da Silva por Pontevedra e Néstor Rego pola Coruña.

As fontes da dirección da formación expresan a súa cautela á hora de valorar estes dados. Porén amósanse convencidas de acadar representación en Madrid. Precisamente, no acto político que o BNG desenvolvía na mañá do domingo en Pontevedra, a portavoz nacional, Ana Pontón, apelaba a intensificar a mobilización e a concentrar o voto no BNG. "Os escanos gáñanse nas urnas", sinalaba a nacionalista.