CIDADES

O PP crea na Galiza un comité de cidades após non lograr ningunha alcaldía nelas

O PP crea na Galiza un comité de cidades após non lograr ningunha alcaldía nelas
Miguel Tellado.
Miguel Tellado.  Foto: @ppdegalicia

Após os resultados do 26 de maio que deixaron o PP sen ningunha alcaldía nas sete cidades galegas, a formación vén de dotarse dun novo órgano denominado 'Comité de cidades' para reforzar o partido nesas zonas.


As urnas do pasado 26 de maio depararon unha baixada acusada de apoios para o Partido Popular nas cidades galegas, deixándoo sen ningunha alcaldía nelas. Apenas mes e medio despois, o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, anunciou nesta sexta feira 5 de xullo a creación dun novo órgano na estrutura do partido denominado “Comité das cidades”.

"Na Galiza hai cidades que non saben se van ter un goberno de coalición, un goberno en minoría ou en definitiva se van ter goberno, porque os partidos de esquerda non foron capaces de clarificar como van ser ou se van ser capaces de aprobar os orzamentos municipais para o próximo ano", sinalou Tellado.

Este comité, que se constitúe na tarde desta sexta, fórmano as portavocías municipais do partido nas cidades

Este comité, que se constitúe na tarde desta sexta, fórmano as portavocías municipais do partido nas cidades e ten coma obxectivo principal “demostrar en cada cidade" que o partido ten "un proxecto cohesionado e unido para defender os intereses" da "Galiza urbana”, a pesar de carecer de ningunha alcaldía e de tan só participar no cogoberno de Ourense liderado por Gonzalo Pérez Jácome como rexedor de Democracia Ourensá grazas o pacto acadado co PP para perpetuar na presidencia da deputación ourensá o popular Xose Baltar.

Tellado destacou a articulación dun goberno de coalición entre Democracia Ourensá e PP para "facer valer a maioría"

A propósito deste pacto, Tellado destacou a articulación dun goberno de coalición entre Democracia Ourensá e PP para "facer valer a maioría" nunha corporación "paralizada durante dez anos por falta de maiorías plenarias". "Démoslle a Ourense o que non se lle deu a Jesús Vázquez cando foi alcalde: unha maioría", incidiu, para a continuación amosar a súa confianza en que a alianza entre Jácome e o PP "sexa frutífera" para ter "un goberno municipal operativo" que "oxalá houbese na maioría de cidades da Galiza".