JULIO TORRADO/PORTAVOZ DE SANIDADE DO PSDEG

"O PP debería atender máis á realidade e menos a autoprotexerse"

"O PP debería atender máis á realidade e menos a autoprotexerse"
O deputado do PSdeG Julio Torrado no Pleno do PArlamento galego. Foto: PSdeG.
O deputado do PSdeG Julio Torrado no Pleno do PArlamento galego. Foto: PSdeG.  

Julio Torrado (Vilagarcía de Arousa, 1982) é o portavoz de Sanidade do grupo parlamentario do PSdeG. “Queremos deitar luz sobre as retalladas”, di a respecto da comisión parlamentaria de investigación sobre a materia pactada por socialistas, En Marea e BNG. Celebra o acordo dos tres partidos da oposición, pero lembra que as coincidencias “son habituais”.
 


-Por que constituír agora unha comisión de investigación sobre a sanidade?

-Nós comprobamos que a situación da sanidade vénse deteriorando nos últimos tempos. É un tema obviamente que causa moita preocupación social. Este deterioro non é cousa puntual dun día, é unha cuestión planificada, un deseño estratéxico para aminorar o sistema sanitario público. Porque a dereita non comparte o sistema sanitario tal e como existe e trata de diminuílo. Queremos poñer luz sobre os recortes e o impacto que teñen sobre a calidade, sobre os servizos que a xente está perdendo.

-A redución da sanidade pública é un sinal de identidade dos gobernos de Feixóo desde o primeiro mandato, a partir de 2009, pero a oposición non formulou até agora un órgano coma este.

-Só hai unha oportunidade parlamentaria de facer esta comisión sen contar ca maioría do pleno —que está en mans do PP. É grazas a unha reforma parlamentaria que promoveu o Partido Socialista en 2015. E a idea é que había que aproveitala co asunto de maior preocupación social. Estamos chegando á metade da lexislatura e concordamos en que ese asunto era a sanidade. Si é certo que as políticas de recortes se aplican desde a chegada de Feixóo ao Goberno, e coa complicidade do Goberno Raxoi en Madrid.

-A morte de José Manuel Brea no PAC da Estrada volveu situar a precarización da sanidade pública no centro do debate. Que outros elementos considera que debe tratar a comisión?

-É certo que a morte de Brea foi un detonante, e foi algo abondo grave. Pero hai preocupación sobre a situación sanitaria desde hai tempo. Hai un ano viviamos manifestacións masivas pola reforma da Lei de Saúde, que suprimiu áreas sanitarias e reduciu a capacidade de asistencia do sistema. Falabamos dos falecidos de hepatite C, aos que se lles negou a medicación e hai un proceso xudicial e todo apunta a que foi unha decisión estratéxica baseada en criterios economicistas. A consellaría ten membros imputados por homicidio imprudente. Estamos falando dun sistema en que a saúde mental está oculta. Estamos falando de mulleres ás que se lles nega a interrupción voluntaria do embarazo e son derivadas a clínicas privadas de Madrid. Falamos dun sistema que non opta por ter máis profesionais e asume as políticas que viñan de Madrid e impuñan reducir a contratación de médicos... É unha acumulación de situacións gravísimas que nos leva a concluír que hai que poñer a barreira e que se vexa claramente cal é a situación.

-O PP, como partido con maioría parlamentaria, manterá o control da mesa da comisión. Teme que o empregue para obstruír o seu funcionamento?

-Fíxoo explícito xa. Nós queremos que participen da democracia e da transparencia sobre un sistema, o sanitario, en que eles non creron nunca. O PP votou en contra da Lei Xeral de Sanidade de 1986, puxo todos os problemas para a súa transferencia á Xunta, votou en contra da Lei Xeral de Saúde de 2008... Sempre estivo en contra, pero polo menos que non bloquee e que non vete a comisión. O voceiro do PP Pedro Puy, nunha fatal declaración que non corresponde con alguén de moi alto nivel parlamentario, dixo que non se podía converter a comisión nun circo. Estamos falando de persoas falecidas polo que puideron ser erros do sistema, falar de que iso poida ser un circo non é aceptábel. E menos poñer por diante a idea de que se van bloquear e vetar algunhas comparecencias, como anunciou o PP. Que está inquieto. Porque se vai vai saber todo o que ocorre. Hai dúas vías: unha, crer no sistema parlamentario e que a comisión poida investigar abertamente o que pasou; e dúas, vetar, tapar e facer calar e o paripé, o que xa anunciou o PP. Iso si que sería un circo.

-Esta acción conxunta dos tres partidos da oposición é puntual ou abre unha vía de acción?

-As forzas da oposición vimos coincidindo en moitos asuntos, particularmente no eido da sanidade. Mesmo habendo algunhas discrepancias, hai unha vontade construtiva de atopar os puntos comúns. Compartimos o esencial e é importante buscar os puntos de coincidencia. E mesmo somos conscientes de que moitísimos votantes do Partido Popular comparten o que propoñemos, só que o PP está preocupado en defender algunhas decisións mesmo aínda que ás veces non as crea. Pero a realidade vai evidenciando que moitas das cousas das que alertamos vanse cumprindo ás veces con fatais consecuencias. O PP debería atender máis á realidade e menos a autoprotexerse.



x