O PP defende no Parlamento coñecer o galego para acceder a un emprego público

O PP defende no Parlamento coñecer o galego para acceder a un emprego público
Un pleno do Parlamento.
Un pleno do Parlamento.  Foto: Natalia Porca

Case un mes despois de saír á luz pública a proposta electoral do PP de eliminar o requirimento do galego para acceder a un emprego na función pública, os populares súmanse a unha moción do PSOE e defenden manter a esixencia de coñecer a lingua para conseguir un traballo na administración galega e na docencia.


En Marea, PSdeG –autor da moción-, BNG e tamén PP aprobaron “manter como requirimento” o coñecemento da lingua galega para obter un emprego público na Xunta. Porén, o PP rexeitou outro dos puntos da iniciativa: derrogar o decreto do plurilingüismo, aprobado polo Goberno de Feixo en 2010.

“Deberiámonos preocupar de que pode pasar se goberna no Estado o PP”, sinalou na tribuna o deputado socialista Luís Álvarez, que criticou a “lei de linguas” que o PP defende no seu programa ás eleccións xerais para que o coñecemento dos idiomas das nacións sen Estado deixen de ser un requirimento no acceso á función pública.

A proposta do PP, afirmou o deputado do PSdeG supón “unha involución en materia lingüística sen precedentes”. Aliás, criticou a aplicación do decreto do plurilingüismo, ao supor “un retroceso” no uso do galego como lingua vehicular a niveis dos “anos noventa”.

O deputado do PP César Fernández cualificou a política lingüística da Xunta de “referente” para o resto de territorios con idiomas propios e sinalou que as medidas relacionadas coa lingua “foron referendadas pola sociedade galega en dúas ocasións”. Referíase ás maiorías absolutas conquiridas por Feixoo.

O parlamentar do PP fixo unha defensa férrea do decreto do plurilingüismo e acusou a oposición de “converter a lingua nun elemento de confrontación”.

A semana pasada, en resposta a unha pregunta formulada pola socialista Concepción Burgo, nunha comisión parlamentar, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, reducía a proposta electoral do PP de “declaracións en campaña electoral”.



x