O PP desdise e vota contra a transferencia de salvamento marítimo

O PP desdise e vota contra a transferencia de salvamento marítimo
Ana Pontón
Ana Pontón  

As mesmas bancadas que aderiron unha iniciativa do BNG para o teito competencial de Galiza se equiparar ao de Euskadi e Catalunya votaron esta terza feira contra unha proposición de lei, tamén da formación nacionalista, en que se demandaba a transferencia de salvamento marítimo. Ana Pontón ve neste recúo do PP unha clara mostra da subordinación de Feixoo a Casado, a mesma relación de vasalaxe que tería levado o presidente da Xunta a estar na manifestación españolista do pasado domingo. O PSdeG abstívose.


A proposición non de lei do BNG para a transferencia á Xunta das competencias sobre salvamento marítimo foi rexeitada ao contar só cos votos do grupo proponente e de En Marea. A iniciativa bateu co muro infranqueábel da maioría popular. Feixoo non estivo presente no debate, mais si participou na votación. As bancadas do PSdeG —cuxo portavoz Xaquín Fernández Leiceaga afeou recentemente o líder conservador o seu insuficiente perfi autonomista— optaron pola abstención.

Como argumentou o PP o veto á transferencia? Pois, con efecto, cun discurso moi pouco preocupado polo fortalecimento do autogoberno. Foi a deputada conservadora Teresa Egerique a que tomou a palabra para argüír que "ter competencias non é garantía" dunha maior seguranza no mar. A clave radicaría, en troca, en "ter meios técnicos de capacidade de reacción". 

Na mesma liña discursiva, nada atenta á elevación do teito competencial galego defendida hai ben pouco polo grupo parlamentar do PPdeG, Egerique demandou "máis política de salvamento e menos política co salvamento"", ao tempo que lanzou unha andanada dialéctica ao PSOE —e a En Marea "como cómplices"— ao dar luz verde a un proxecto de orzamentos que reduce os investimentos no país.

Canto ao grupo proponente, Ana Pontón cargou contra o PPdeG polo flanco da súa falta de autonomía política a respecto das directrices de Génova. "Se cadra levantaron o teléfono desde Madrid e Pablo Casado díxolles que non tocan máis competencias, porque a axenda quen a marca é a extrema dereita", dixo. "Duroulles 15 días ese frenesí pro Galiza e agora traen ese espírito de Colón: subordinación e extrema dereita", apostilou Pontón.

Por En Marea falou Paula Quinteiro, quen botou man dos dados de siniestraliedade —1.032 accidentes laborais no mar en 2017— como argumento para defender a transferencia, en tanto que a abstención socialista a defendeu unha Dolores Toja quen tildou de "perseverante e reiterativa" a petición do BNG. 

O PSdeG entende, con todo, que a iniciativa do BNG nos seus termos non é aceptábel porque entre outros elementos non respectaría o marco competencial estabelecido na Constitución de 1978 e en virtude do cal as competencias sobre a mariña mercante son exclusivas do estado.



x