O PP fai chufa de Villares após o Plenario: "Sorte nos teus retos lonxe da política"

O PP fai chufa de Villares após o Plenario: "Sorte nos teus retos lonxe da política"

O portavoz de En Marea retrúcalle aos populares, tamén nas redes sociais.


A división no seo de En Marea evidenciada no Plenario deste sábado en Compostela non lle pasou desapercibida ao PP, partido que non perde ocasión, quer nas redes sociais a través do seu 'community manager', quer incluso no Parlamento a través mesmo do presidente Feixoo; de zorregar no portavoz, Luis Villares.

"Moito ánimo @VillaresLuis nestes duros momentos e moita sorte nos teus futuros retos profesionais lonxe da política", desexaban desde a conta oficial do PP de Galiza en twitter ao portavoz de En Marea após coñecerse a tensión do Plenario e a vitoria do sector crítico nunha serie de votacións cruciais.

 

Un chío que tivo resposta, tamén a través das redes sociais, do propio interpelado: "Grazas pola preocupación! Seguro que pensades que todos teñen que acabar como acaban os vosos. Ánimo nos vindeiros bis a bis", escribiu acompañando os caracteres dunha foto de Rodrigo Rato entrando en prisión. E volveu retrucar o PP na súa conta de twitter: "Acabar". É bo que vaias asimilando ese concepto. Boa finde".

Como era de prever, continuou un intercambio de chíos entre partidarios dun e doutros, nos que non faltaron todo tipo de referencias, desde a Marcial Dorado e as amizades de Feixóo até a fenda entre as diferentes organizacións de En Marea.