O PP marca distancias coa ultradereita ao propor Abascal o uso de armas para a autodefensa cidadá

O PP marca distancias coa ultradereita ao propor Abascal o uso de armas para a autodefensa cidadá
Santiago Abascal
Santiago Abascal  

Abascal colócase directamente en posicións trumpistas ao reivindicar que as os particulares teñan acceso a armas para a autodefensa. Faino xusto cando Nova Zelandia se dispón a regulalas após o masacre islámofobo. O goberno español censurou duramente a proposta do líder de Vox e o PP aproveitou a conxuntura para marcar distancias coa ultradereita.


Abascal tense gabado en ocasións de levar un arma consigo e agora aparece cunha oferta electoral até agora inédita na tradición española: o alargamento do dereito das persoas a usar armas para a súa autodefensa.

O dirixente ultra lanzou a proposta nunha entrevista no portal armas.es. Nela, advogou por "unha mudanza radical urxente na lei" con vistas a que a xente poda dispor "dunha arma na súa casa" que eventualmente podan "utilizar en situacións de ameaza real na súa autodefensa". Abascal pensa que é preciso "ampliar o concepto de lexítima defensa", con vistas a evitar "situacións inxustas" como a que, do seu punto de vista, sufriu un ancián que matou o ladrón que asaltou a súa casa en Tenerife, feito polo que foi condenado a dous anos e medio de prisión.

As reaccións a esta proposta non se fixeron agardar. Por parte do Goberno español, foi a ministra portavoz Isabel Celáa quen evocou o espectro dos EUA, país en que son moi frecuentes os masacres a causa do doado acceso da poboación ás armas. "Non queremos parecernos aos Estados Unidos. É insensato, un retroceso" porque supón "imitar o peor doutros países".

O PP tampouco deixou pasar a oportunidade de marcar un perfil centrista por contraste con Vox: nunha mensaxe en Twitter, o dirixente popular Javier Maroto escribiu: "O PP defende medidas estritas contra a delincuencia, as mafias e a inmigración ilegal. E defendemos a policía e a garda civil. Mesmo defendemos a prisión permanente revisábel para delitos moi graves. Mais propor que os españois levemos pistola polas rúas, non".