O PP navarro resta importancia á posición de Feixoo contraria á fórmula España Suma

O PP navarro resta importancia á posición de Feixoo contraria á fórmula España Suma
Feixoo no Parlamento de Galiza. Foto: cedida.
Feixoo no Parlamento de Galiza. Foto: cedida.  
Foi en Nafarroa onde o Partido Popular inventou a fórmula que agora quere exportar a todo o Estado. Navarra Suma, coalición preelectoral de PP, UPN e Ciudadanos, quere ser agora España Suma. Mais algúns baróns conservadores, nomeadamente Alberto Núñez Feixoo, non o ven. Ana Beltrán, presidenta dos populares navarros afirmou porén esta segunda feira que a estratexia de Casado e as reticencias de Feixoo son “perfectamente compatíbeis”.

“Estamos falando dunha fórmula para as eleccións xerais”, dixo Beltrán, “o que dixo Feixoo é perfectamente compatíbel porque cando cheguen as autonómicas cada territorio teñen as súas circunstancias especiais”.

Feixoo alegou que en Galiza “non existe fragmentación do voto de centrodereita” e, así, rexeitou a etiqueta España Suma. A presidenta do PP navarro esgrimiu que todo o partido está “en sintonía coa fórmula porque España está en circunstancias que poderían requirir esas coalición e é absolutamente compatíbel co dixo Feixoo”.

A dirixente de dereitas asegurou que Ciudadanos “acabará por aceptar” a coalición e non desbotou a entrada da formación ultradereitista Vox.