GALIZA, SEN FORZA POLÍTICA PROPIA NO CONGRESO

O PP perde a súa hexemonía na Galiza

O PP perde a súa hexemonía na Galiza
Colexio electoral na Coruña
Colexio electoral na Coruña  

O carácter extraordinario das eleccións xerais, cunha campaña polarizada e de marcado carácter español, provocou que o Partido Popular perda a condición de forza política máis votada na Galiza, que fica sen partidos propios en Madrid ao non conseguir representación o BNG -que duplicou o resultado de 2016-, nin En Marea - que sofre un duro revés ao acadar pouco máis do 1% dos apoios-. 


O extraordinario duns comicios estatais convocados por Pedro Sánchez tan só dez meses despois de recalar na Moncloa logo da moción de censura contra o Goberno do PP prognosticaba unha alta mobilización que finalmente se confirmou. As eleccións percibíanse como decisivas. O medo á dereita -encarnada nos seus extremos por PP, Ciudadanos e Vox-, que centrou a súa estratexia electoral na loita contra o independentismo e pola unidade de España, foi determinante e conseguiu mobilizar o electorado de esquerdas en clave española.

As dúas caras da moeda foron PP e PSOE. O partido de Feixoo, que na sexta feira viaxaba a Madrid para arroupar Pablo Casado, o seu xefe de filas, no feche de campaña, perde a condición de partido político máis votado na Galiza e faino após 37 eleccións como primeira forza. O PP, que en 2016 contara co apoio do 41,53% do electorado en 2016, deixa polo camiño tres actas e fica con nove e o 27% dos apoios, mentres que o PSOE, o principal beneficiario da situación co 32% das papeletas, acaba con dez escanos, catro máis que en 2016, cando obtivera o 22,21% dos votos.

En Común-Unidas Podemos, a opción apoiada por Podemos e Esquerda Unida, amais de Equo, acada o 14% dos apoios e retén dous deputados, o da Coruña e o de Pontevedra. Nas anteriores eleccións, cando se presentaran baixo o auspicio de En Marea, conseguiran cinco parlamentares e o 22% dos votos. Os outros dous escanos son para Ciudadanos (11%), que en 2016 non conseguira acta ningunha co 8,62% dos votos mais si lograra un asento en 2015.

BNG e En Marea, a cara e a cruz

A dinámica españolista dunha campaña electoral polarizada e dos meses previos deixan Galiza sen forzas políticas propias, ao non conseguir nin BNG nin En Marea escano ningún. BNG e En Marea tamén representan a cara e a cruz. O Bloque, aínda que non logrou o seu obxectivo de contar con asento no Congreso, evidencia a súa remontada, ao conseguir duplicar os apoios a respecto das anteriores eleccións xerais, ao pasar do 2,89% ao 5,7%, e contribuír na derrota da dereita. Pola contra, o 1,08% de En Marea deixa o partido en coiros e nunha situación delicada o seu portavoz, tamén xefe de filas da oposición no Parlamento de Galiza. PACMA supera En Marea nas circunscricións de Pontevedra e A Coruña.

Por detrás do Bloque sitúase en apoios a forza ultradereitista Vox, que pasou de 0,07% de apoios en 2016 a 5,2% nestas eleccións. Segue moi perto a En Marea (1,08%) PACMA (1,02%) e a continuación, Recortes Cero-CV, co 0,17% e Compromiso por Galicia, co 0,17%.

O nacionalismo, determinante para derrotar a dereita españolista

O nacionalismo resultou clave para derrotar a dereita españolista, que non logra sumar coas súas tres patas. O PP sufriu unha caída histórica ao perder a metade dos seus escanos, de 137 pasou a 65 e cedeu 4 millóns de votos; Ciudadanos subiu de 32 a 57 e Vox estréase con 24 parlamentares. O PSOE sobe de 85 a 123 asentos e Unidas-Podemos cae de 45 a 35, co cal, Sánchez terá que contar coas forzas soberanistas para poder formar goberno ou ben aliarse cun dos arietes da dereita españolista: Ciudadanos.

Resultado histórico de ERC

En Catalunya, o conflito que mantén os líderes independentistas presos ou exiliados foi o factor máis decisivo na mobilización do electorado. O bloque soberanista requirira da mobilización para denunciar a represión e para ser máis forte no Congreso, co fin de condicionar o futuro Executivo. Conseguiuno.

ERC gaña as eleccións e pasa de 9 a 15 escanos; seguido do PSC, que sobe de 7 a 12; de ECP-Guanyem el Canvi, a franquía catalá de Unidas-Podemos, que cae de 12 a 7 e de Junts per Catalunya, que suma 7, fronte aos 8 que conseguiran baixo a marca CDC. Ciudadanos mantense en 5 e o PP cae de 6 a 1. Tamén logra 1 Vox.

O mapa electoral deixa os seguintes resultados en Euskadi. O PNV sobe de 5 a 6 escanos e PSOE pasa de 3 a 4; Unidas-Podemos cae de 6 a 4 EH-Bildu experimenta unha importante suba, ao pasar dous a catro escanos. O PP cede os dous que tiña e Ciudadanos e Vox continúan a ser residuais.