O PP presenta ao PP a Estratexia Galega de Cambio Climático

O PP presenta ao PP a Estratexia Galega de Cambio Climático
Escenario para a presentación da 'Estratexia', esta sexta no Gaias.
Escenario para a presentación da 'Estratexia', esta sexta no Gaias.  
Feixoo rodéase de deputadas e deputados, directores xerais e concelleiras dos gobernos municipais do partido na posta de largo do plan da Xunta para loitar contra o cambio climático e vincula o futuro das pensións das galegas e galegos a un monte produtivo: "o noso plan de pensións", di o presidente diante de Ence e con escasa presenza de expertos no quecemento global.

No Edificio Cinc do Gaias, que para estas cousas campa moito e para algo ten que valer o complexo, o PP reuniu un cento de concelleiras e concelleiros do PP, unha ducia e media de directoras e directores xerais da Xunta e unha representación de deputadas e deputados para acompañar o presidente, Alberto Núñez Feixoo e as conselleiras de Medio Ambiente e Industria na presentación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, aprobada polo Goberno da Xunta hai unhas semanas sen máis apoio que o do propio PP, que sempre apoia (faltaría máis) calquera cousa que propoña Feixoo. 

Para vestir o acto, o PP convidou o mundo académico, ás tres universidades (acudiu un reitor, o de Vigo) e a unhas cantas empresas amigas da loita contra o cambio climático que propón a Xunta do PP, e Fernández-Couto, eterno xestor do monte galego, presente na sala na fila de directores executivos. Estaban as da casa (Sogama) e as do lado (Ence, por exemplo), así como representantes varias do mundo empresarial (Cegasal e a Confederación, claro). "A sociedade civil galega", como resumiu o presidente Feixoo nos agradecementos.

WhatsApp Image 2019-11-15 at 14.02.22Para presentar o plan en sociedade, a Consellería de Presidencia, que organizou o acto, elixiu á directora xeral de Medio Ambiente, María Cruz Ferreira, que falou 1 hora e non parecía cansa cando a organización lle pediu que estirase o discurso que o presidente viña xa. Despois falaron María Ramallo, alcaldesa de Marín e deputada en Cortes, figura emerxente, parece; e Carlos Rodríguez García, enxeñeiro industrial da Universidade de Vigo, que anda a facer a súa tese sobre 'metodoloxías innovadoras para a dinamización de capacidades no ámbito institucional, empresarial e da xeración de coñecemento'. Un currículo "impresionante", segundo definiu a directora xeral. Búsqueno, pode que non sexa impresionante (aínda), pero si é interesante que fose o perfil elixido para actuar como teloneiro de Feixoo. 

Mais que falar, Ramallo e Rodríguez, leron. A política, uns papeis; o académico, unha pantalla. O público, as esforzadas e esforzados concelleiros do rural que xa están afeitos a tragarse bobinas deste calibre, facían fotos e contestaban whatsapp. Por resumir: a alcaldesa emerxente leu que no pacto dos alcaldes polo clima hai anotados 9.860 concellos da UE que representan a 315 millóns de veciñas e veciños, e rematou pedindo á Xunta da Galiza que "non solte da man" aos concellos, que precisan "apoio económico, técnico e mesmo psicolóxico" para seguir as directrices contra o cambio climático. Pola súa banda, o experto describiu o método para desenvolver o plan de recompilación de coñecemento que permitise elaborar o plan de loita contra o cambio climático. Máis fotos e whatsapp. 

Despois entrou Feixoo, saudou aos amigos, esperou a que a directora Ferreira rematase, ascendeu até o atril e dirixiuse á sociedade civil galega coa que "nos une este compromiso co medio ambiente". E falou (tamén le, pero ben) de apoiar a industria do sector forestal porque, segundo dixo, o monte é o principal "aliado" das galegas e dos galegos na loita contra o cambio climático. Fernández-Couto debeu tremer de pracer. Mais Feixoo non lle falaba a el. O presidente explicaba que hai cartos (1.250 millóns de euros) e un plan (2019-2023), o primeiro dunha serie de plans quinquenais para conseguir "a neutralidade climática de Galiza no ano 2050" e, de paso, garantir o futuro das pensións... 

Si. O futuro das pensións. Porque Feixoo tiña preparado o mellor para o final. "Hai que facer as cousas con sentidiño e orde", explicou, "porque temos un país verde (como demostraba o proxector cunha imaxe dun muíño e un río cheos de vida outonal) e querémolo aínda máis verde". Un monte (produtivo) axudará a mitigar as emisións de dióxido de carbono, asegurou o presidente, "un instrumento con capacidade de absorción de dióxido é tamén un instrumento con capacidade de absorción da incerteza sobre o futuro das pensións". E rematou: "o monte é o plan de pensións das galegas e dos galegos". Aplausos. Tamén de Ence e do experto eventual.