O PP prevé presentar a reforma da lei do aborto sen consultar o Consello de Estado

O PP prevé presentar a reforma da lei do aborto sen consultar o Consello de Estado

O goberno español estaría a estudar a posibilidade de iniciar a tramitación da contra-reforma do aborto sen solicitar informe ao máximo órgano consultivo do Estado que, no seu momento, avalara a constitucionalidade da actual lei de prazos.


Segundo fontes consultadas pola Cadena Ser, o Goberno español podería presentar o anteproxecto de reforma da lei do aborto sen solicitar opinión do Consello de Estado.

Desde o Ministerio de Xustiza dixeron á canle de radio que "xa verán" se demandan ao máximo órgano consultivo a súa posición a respeito dunha proposta lexislativa masivamente rexeitada nas rúas.

Quen si deberá emitir un informe serán o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Consello Fiscal. Ao contrario do que acontece no caso do Consello de Estado estes outros dous órganos deben emitir seus ditames de maneira obrigatoria.

Unha reforma que re-penaliza o aborto

Cumpre lembrar que o anteproxecto de reforma visa penalizar a interrupción voluntaria do embarazo, actualmente regulada por unha lei de prazos que permite abortar ás mulleres dentro das primeiras 14 semanas de xestación.

A proposta lexislativa deseñada polo Ministerio de Xustiza exixirá dous informes médicos distintos que acrediten problemas psicolóxicos nos casos en que as mulleres decidan interromper a súa gravidez e mesmo prevé impedir o aborto en casos de malformación do feto, unha cuestión rexeitada mesmo nas ringleiras do Partido Popular.

Segundo parece, todo apunta a que o vindeiro mes de xuño podería chegar ás Cortes a reforma lexislativa.