A CAMBIO DE MANTER BALTAR NA DEPUTACIÓN

O PP queda fóra de todas as alcadías urbanas pero entrega Ourense a Jácome

O PP queda fóra de todas as alcadías urbanas pero entrega Ourense a Jácome
O alcalde de Ourense Gonzalo Díaz Jácome. Foto: Democracia Ourensana.
O alcalde de Ourense Gonzalo Díaz Jácome. Foto: Democracia Ourensana.  

Dez días antes das eleccións municipais, Alberto Núñez Feixoo despachábase contra o candidato de Democracia Ourensana nun xornal local. “Para Ourense sería letal ter Jácome de alcalde”, rezaba o titular do presidente da Xunta. Un mes máis tarde, o Partido Popular entrega a alcaldía da cidade a Gonzalo Pérez Jácome. A contrapartida? Que os Baltar manteñen o control na Deputación de Ourense.
 


Mais no baile de máscaras das opacas negociacións ourensás non foi Feixoo o único en dicir unha cousa e facer a contraria. O propio Jácome, que practica unha especie de trumpismo localista, chegara a cualificar a Manuel Baltar de “psicópata”. Agora ofrecerá os seus votos para que, cos de Ciudadanos, continúe como presidente dunha Deputación, a de Ourense, sometida ás ferreas vontades da familia. As sospeitas, acusacións e mesmo condenas por clientelismo son característica principal da súa actuación no ente principal.

Na investidura deste sábado houbo máis sucesos curiosos. O xa ex alcalde do PP, Jesús Vázquez, cuxo mandato supuxo unha parálise da cidade como non se lembraba -non conseguiu aprobar nin un só orzamento-, deu o voto ao seu máis contundente antagonista, Pérez Jácome. E este aceptouno, como outros 13, os que suman Democracia Ourensana e o PP. Enfronte, 11 para o candidato socialista Rafael Rodríguez Villarino, e dous votos en branco.

“Non podía ser doutro xeito. Saín escollido ao límite. Non creo no destino pero parece que está escrito”, foron as primeiras palabras de Jácome logo de ser elixido alcalde de Ourense este 15 de xuño. Pronunciounas en castelán, como é habitual nel.

Despexada a incógnita de Ourense, o Partido Popular queda fóra das alcaldías das sete cidades galegas. A vila máis poboada con maioría absoluta popular é Arteixo, a décimo primeira de Galiza con 31.000 habitantes.

bugallo martiño

Compostela: “Ano Santo, reto inminente”

Na capital, o socialista Xosé Antón Sánchez Bugallo foi escollido alcalde cos votos do seu grupo, dez concelleiros. En contra votaron os oito do PP, que torceron polos seu propio candidato, Agustín Hernández. Abstivéronse os cinco edís de Compostela Aberta, entre eles o ex alcalde Martiño Noriega. As dúas do Bloque votaron en branco.

Bugallo regresa á alcaldía de Santiago de Compostela oito anos despois de perdela fronte ao Gerardo Conde Roa (PP). E fíxoo cun discurso centrista e por intres apenas distinguíbel do do Partido Popular en asuntos como o Xacobeo 21, o turismo ou a laicidade institucional. Este sábado volveu colocar o Ano Santo “como reto inminente” e principal preocupación do seu mandato.

Ao pleno de constitución de Compostela asistiron o arzobipso Julián Barrio, o delegado do Goberno Javier Losada ou o rector da Universidade de Santiago Antonio López.

Lugo: bipartito de PSdeG e BNG

Lugo será, con Pontevedra, unha das dúas cidades en que haxa goberno de coalición entre PSdeG e BNG. A alcaldesa Lara Méndez repite mandato, mais desta volta nun executivo en que os oito concelleiros socialistas comparten responsabilidades con cinco nacionalistas, cuxo líder, Rubén Arroxo, será teniente de alcalde. Estes 13 votos son os que a apoian. Na oposición sentan PP e Ciudadanos.

Méndez lembrou este sábado as “débedas históricas” da cidade e a vontade do seu goberno bipartito de saldalas, ademais de pedir responsabilidade aos funcionarios municipais para desatorar o concello.

vigo caballero

Vigo: Caballero alcalde entre protestas de bombeiros

Vinte concelleiros de 27 valéronlle ao socialista Abel Caballero renovar a alcaldía da cidade máis poboada da Galiza. Fíxoo na mañá deste sábado, nun ateigado auditorio municipal e cos asistentes recibidos por unha protesta de bombeiros. “Menos dinosetos e máis bombeiros”, berraban, ao tempo que reclamaban máis recursos e denunciaban a “inseguridade” de Vigo.

Ningún dos outros tres grupos presentes da corporación apoiou Caballero. PP, con catro edís, Marea de Vigo, con dous, e BNG, cun, votaron a cadanseu candidato. Enfronte, a esmagadora maioría absoluta socialista. Ou de Abel Caballero, máis ben, dado o personalismo extremo da súa maneira de facer política. No pleno de constitución deste 15 de xuño, houbo quen protestou en voz alta cando o secretario municipal leu a acta só en español e esqueceu a outra lingua oficial de Galiza.

Entre o numeroso público que asistiu á toma de posesiín atopábase o secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, ademais sobriño do alcalde, co que mantivo serias diferenzas políticas no pasado. Tamén estaba a deputada de En Marea e secretaria xeral do Partido Comunista de Galiza Eva Solla.

lores ana pontón

Pontevedra: Lores afirma que a cidade está "nun novo ciclo"

Miguel Anxo Fernández Lores revalidou, por sexta vez consecutiva, a alcaldía de Pontevedra. Neste mandato será cun goberno de coalición entre a súa organización, o BNG -que obtivo 11 concelleiros-, e mais o PSdeG -que acadou catro. O emblemático Teatro Principal acolleu este sábado, 15 de xuño, a súa toma de posesión, en que enunciou unha mensaxe chave: “Temos que adiantarnos aos cambios que veñen”.

Lores apostou nas súas primeiras palabras como alcalde por facer de Pontevedra “unha cidade de servizos e creativa”, agradeceu o apoio aos socialistas e tendeu a man á oposición, conformada por PP e Ciudadanos. Ao tempo, expresou o seu convecemento de que a cidade “está nun novo ciclo”. Á súa investidura asistiu Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

Ferrol: O PSdeG suma os votos de Ferrol en Común e BNG

En Ferrol mantívose a singular tendencia municipal activa desde a restauración democrática: ningún alcalde conseguiu repetir mandato. Este sábado tomou posesión o décimo primeiro, o socialista Ángel Mato que aos seus oito edís sumou os tres de Ferrol en Común -cuxo cabeza de lista, Jorge Suárez, gobernou a cidade os últimos catro anos- e os dous do BNG. Na oposición sentan unha ducia de concelleiros do PP que votaron polo seu candidato, o ex conselleiro da Xunta, e tamén ex alcalde, José Manuel Rey Varela.

O feito de que dous ex rexedores senten no pleno da corporación municipal serviu a Mato para solicitar a súa colaboración. “Síntanse libres para facer aquelas achegas para evitar cometer os mesmos erros que cometemos no pasado”, afirmou. Ao rematar a investidura, en declaracións aos medios, explicou que a súa intención é configurar un goberno “o antes posíbel” e que, para iso, xa iniciou conversas co Bloque e Ferrol en Común.

A Coruña: “Corenta anos pasaron para que haxa unha alcaldesa”

A última das investiduras nas sete cidades foi a da Coruña. A socialista Inés Rey compartirá coa súa compañeira de partido Lara Méndez a condición de alcaldesa urbana. “Corenta anos pasaron para que unha muller ocupe este cargo, o de alcaldesa”, afirmou nada máis recibir o bastón de mando. Rey obtivo o apoio de 17 edís, os nove do PSdeG, seis da Marea Atlántica -que gobernou o pasado mandato- e os dous do BNG. Na dereita senta nove do PP e un de ciudadanos.

Nas súas primeiras palabras como alcaldesa dunha cidade virada á esquerda -o bloque progresista e nacionalista suma 17 asentos, o conservador, 10- comprometeuse a “loitar” cos traballadores de Alcoa, Isowat e Ferrolvial, e enumerou algunhas mulleres de relevo na historia coruñesa: Concepción Arenal, Juana de Vega, María Pita ou Elisa e Marcela. O seu discurso alternou galego e castelán.