A DEREITA E A ULTRADEREITA

O PP quere acordo marco con C’s e Vox en todos os concellos

O PP quere acordo marco con C’s e Vox en todos os concellos
Egea na reunión negociadora
Egea na reunión negociadora  

O PP reúnese con Ciudadanos e Vox en todo o Estado para chegar a pactos na conformación de gobernos municipais o vindeiro 15 de xuño. O secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, busca un acordo marco cos outros dous partidos para alcanzar o máximo poder posíbel após os fracasos electorais da dereita española no 26M.


O vindeiro 15 de xuño conformaranse as cámaras municipais e no PP buscan emendar ao máximo os malos resultados que as urnas lle depararon. Por iso, esta segunda feira o Partido Popular mantén reunións negociadoras en múltiples concellos do Estado con Ciudadanos e Vox de cara a alcanzar un acordo marco que permita o PP manter o máximo poder posíbel.

García Egea subliñou que esta segunda feira manterán "varias reunións con  C’s e con Vox” para alcanzar acordos

O secretario xeral popular, Teodoro García Egea, afirmou que PP,  C’s e  Vox “non poden permitirse non poñerse de acordo” e destacou que tanto o secretario xeral da formación laranxa, José Manuel Villegas, como o portavoz parlamentario de Vox, Iván Espinosa de los Monteros, son "persoas de palabra, serias e rigorosas", pois segundo enxalzou, “até o de agora cumpriron con todo o que se comprometeron".

García Egea subliñou nunha entrevista en TVE que esta segunda feira manterán "varias reunións con  C’s e con Vox a distintos niveis” para alcanzar acordos e engadiu que estes “van avanzado, aínda que son negociacións complexas". Afirmou en TVE que "o día de hoxe promete ser un bo día se todos poñemos da nosa parte para que durante as próximas xornadas poidan ir desbloqueándose gobernos da liberdade".

Deputación e concello de Ourense

Se o acordo marco vai adiante no Estado entre as tres forzas, o PP galego tería máis asegurada a continuidade de Manuel Baltar na presidencia da Deputación de Ourense co apoio de Ciudadanos, a pesar de que a semana pasada o partido laranxa avogara por facilitar a investidura do PP na institución provincial coa condición de que o Partido Popular presentase un candidato diferente a Baltar, quen ficou a unha acta da maioría absoluta. Foi o propio Manuel Baltar como presidente en funcións da Deputación quen esixiu a Ciudadanos retirar os vetos cara a súa persoa e lembroulles que o PP é o "grupo maioritario", con 12 deputadas e deputados provinciais, a tan só 1 acta para alcanzar a maioría absoluta, e que o partido laranxa só conta cun representante na deputación “e nove edís en toda a provincia”.

Tamén o domingo o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, insistiu nunha entrevista na RNE en ofrecer ao PSdeG  a oferta que Núñez Feixoo lles fixo a pasada semana, pola que o partido conservador permitiría que gobernase o PSdeG no concello de Ourense e a cambio as e os deputados provinciais socialistas deixarían que Manuel Baltar continuase á fronte da Deputación de Ourense.