O PP respalda en San Sadurniño unha moción do BNG contraria á reforma do aborto do Gallardón


O PP respalda en San Sadurniño unha moción do BNG contraria á reforma do aborto do Gallardón

Malia a postura da formación conservadora a nível nacional e estatal e malia que non achegaron ningún posicionamento ao debate realizado, os dous edís conservadores presentes no pleno mostraron o apoio ao texto presentado [email protected] nacionalistas.


O PP respaldou unha moción do BNG en que @s nacionalistas reclamaban instar a Xunta a que se posicione en contra da reforma do aborto que prepara o Goberno español. Fíxoo no concello de San Sadurniño, onde os dous edís conservadores presentes no último pleno non tomaron parte no debate mais ergueron a man para votar a favor do texto. 

A nível nacional, o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, mostrou publicamente as súas discrepancias cara ao texto de Gallardón, se ben o líder conservador deixou clara tamén a súa querencia pola norma de suspostos aprobada en 1985. Todo isto malia que aquela lei, que tivera unha versión previa en 1983 que non saíu adiante, non foi apoiada polo PP --daquela Alianza Popular-- e contra ela presentou alegacións José María Ruíz-Gallardón, o pai do actual ministro de Xustiza. 

A moción nacionalista en San Sadurniño defendeuna a concelleira Mari Carme Muíño, quen destacou que o texto de Alberto Ruíz-Gallardón é "máis regresivo que o de 1985" e que o Concello --gobernado polo BNG-- porá en marcha unha campaña "informativa e de divulgación" da Lei 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. A moción que presentaron tamén contou co visto e prace do PSdG-PSOE, polo que foi aprobada por unanimidade.