NO PARLAMENTO

O PP salva de novo a Valedora condenada por enchufismo

O PP salva de novo a Valedora condenada por enchufismo
A valedora do pobo, Milagros Otero. Foto: cedida.
A valedora do pobo, Milagros Otero. Foto: cedida.  

Nin o peor resultado histórico do PP en Galiza fixo recuar o partido de Núñez Feixoo no Parlamento: os seus 38 deputados e deputados, presidente da Xunta incluído, votaron esta segunda feira por manter a valedora do pobo Milagros Otero no seu posto, malia a sentenza do Supremo que a implica en trato de favor á sobriña de Fraga Iribarne.
 


A oposición levou a petición de cesamento ao pleno do Parlamento deste 29 de abril. Xornada post electoral marcada polos 13 puntos de brusca caída do PP galego, o debate na Cámara resolveuse cun novo peche de fileiras na dereita. Nin a sentenza do Supremo que rexeitou o recurso de Otero ao ditame do Tribunal Supremo mudou as tornas. “De “delincuente” tildou a viceportavoz do Bloque, Olalla Rodil, á valedora.

Os socialistas, por voz de Patricia Vilán, afearon a Otero “facer un traxe a medida da irmá do portavoz do PP”. E é que a beneficiada polas manobras da Valedora é María Puy Fraga, sobriña de Manuel Fraga, irmá de Pedro Puy Fraga e amiga da propia condenada. “A Valedora foi condenada por todo o que rexeitaron onte os galegos e as galegas co seu voto”, afirmou Vilán. O PSdeG foi o partido máis votado en Galiza por primeira vez na autonomía.

A intervención de Luís Villares, aínda líder de En Marea e o outro derrotado do 28 de abril -a súa formación quedou no 1,1% dos sufraxios-, foi rápida pero contundente. Espetoulle ao PP que debía escoller “entre corrupción institucional ou democracia” e preguntouse “a quen beneficia unha valedora que está vulnerando dereitos fundamentais” da cidadanía.

Non respondeu ás preguntas de Villares a deputada do PP Paula Prado. Atacou ao PSOE polo caso da cuñada de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, cuxa contratación no Concello de Vigo derivou na condena por enchufismo dun funcionario, e a Villares polos resultados electorais. Intentou responsabilizar do trato de favor a Puy Fraga ao valedor adxunto nomeado a iniciativa socialista e finalmente dixo que o seu partido estaba disposto a “negociar” o cesamento de Otero de se acordar unha substituta.

A votación no pleno -extraordinario e con este único punto na orde do día- resolveu, de momento, a cuestión: a oposición votou en bloque pola destitución (34 sufraxios), houbo un voto en contra e 38 abstencións.