PP veta en Madrid o debate para a creación dunha comisión de investigación polo accidente do Alvia


PP veta en Madrid o debate para a creación dunha comisión de investigación polo accidente do Alvia

O grupo maioritario nas Cortes españolas impide que se debata en pleno a proposta presentada polo BNG que tilda de "antidemocrática" a actitude do PP

En Xunta de portavoces o PP impediu que a solicitude de creación dunha comisión de investigación sobre as causas do sinistro ferroviario fose debatida en pleno. Coincidindo co debate parlamentar trascorrido esta terza feira no Pazo do Hórreo, o BNG presentou unha outra proposta nas Cortes españolas que visa investigar as causas do accidente da curva da Grandeira. 

Rosana Pérez (BNG): "Todos os grupos parlamentares, todos, agás o PP apoiaron a nosa iniciativa"

"A Ministra dixo en agosto que se investigaría o que fixese falta e agora vemos que nen a Ministra nen o Goberno cumpren as súas promesas" lembrou a deputada nacionalista na Cámara española, Rosana Pérez, após vetar o PP mesmo que a proposta fose incluída na orde do día da vindeira sesión ordinaria.

“Todos os grupos parlamentares, todos, agás o PP apoiaron a nosa iniciativa e respaldaron que se puidese debater nunha sesión plenaria", explicou a deputada do Bloque, ao tempo que acusou ao grupo que apoia o goberno de manter unha "actitude antidemocrática" e demostrar que "unha cousa é o que dí e outra o que fai".

Até o momento o goberno español só aceptou a creación dunha "subcomisión de estudo" dependente do Ministerio de Fomento. Para Rosana Pérez a actitude do PP é "rexeitábel" e "non está do lado das vítimas" que, din, "queren saber quen son os responsábeis do que aconteceu".