O PP veta que se tramite a Lei de Memoria Histórica da Galiza

O PP veta que se tramite a Lei de Memoria Histórica da Galiza

A proposición de lei presentada polo BNG tivo o apoio de En Marea e PSdeG mais foi insuficiente perante o rolo do Partido Popular. Durante gran parte do debate, as cadeiras dos membros do goberno galego estiveron baleiras. 


Memoria histórica democrática de Galiza é o texto lexislativo que esta terza feira impediu o PP cos seus votos que puidese ser tramitado no Parlamento de Galiza. Resarcimento das vítimas do franquismo, recuperación de bens espoliados pola ditadura e a anulación de xuízos e condenas franquistas eran os eixos vertebradores da proposta presentada polo BNG e que contou co apoio de En Marea e PSdeG. Un respaldo insuficiente fronte a un PP que aplicou a súa maioría absoluta para botar polo chan o primeiro proxecto de lei de memoria histórica galega.

O Partido Popular xustificou o seu posicionamento en que esta proposición de lei non tiña fundamento xurídico. De nada valeron os argumentos do resto de grupos de pedir facer xustiza coas vítimas e recuperar os bens públicos espoliados e en mans da Familia Franco, como o Pazo de Meirás ou a Casa de Cornide. O PP mantívose no seu non. Durante gran parte do debate, as cadeiras no Parlamento dos membros do goberno galego estiveron baleiras

“Por que nunca se fixo xustiza? Por iso necesitamos unha lei. Para saldar as débedas, as feridas, para recoñérmonos en valores que nos fan mellor como sociedade”, afirmou Luis Bará, o deputado nacionalista que defendeu a proposición de lei. Bará trouxo á Cámara varios exemplos de vítimas do franquismo, como Rosario Hernández Diéguez A Calesa, que foi secuestrada, violada, mutilada e tiraron o seu corpo perto das Illas Cíes. “O seu delito? Querer ser libre, unha muller libre. A ela debémoslle xustiza”.

O proxecto presentado polo BNG tamén pretendía “acabar co parque temático do Franquismo que ten a familia Franco no Pazo de Meirás. Esiximos ao goberno central que cumpra o acordo deste parlamento e rescate o Pazo para o pobo galego”, dixo Bará.

O posicionamento do PP non sorprendeu ao parlamentar nacionalista e activista pola memoria histórica: “Son herdeiros do Franquismo, que podemos agardar? Están instalados aínda en 1977 ou máis atrás. Seguen ancorados no pasado”.