NEGA O USO DUNHA SALA DO PARLAMENTO ÁS FORZAS DA OPOSICIÓN.

O PP torpedea agora a comisión de investigación alternativa sobre a sanidade

O PP torpedea agora a comisión de investigación alternativa sobre a sanidade
Comisión de Sanidade do Parlamento de Galiza
Comisión de Sanidade do Parlamento de Galiza  

O Partido Popular vén de vetar o uso dunha sala do Parlamento de Galiza para a posta en marcha dunha Comisión Paralela de Sanidade por parte dos grupos da oposición. O BNG anuncia medidas legais contra esta decisión.


Trátase dunha sala a disposición dos tres grupos da oposición (BNG, PSdeG e EnMarea) e que se emprega habitualmente, na que teñen lugar múltiples encontros con persoas convidadas polos partidos. 

A sesión desta comisión de sanidade alternativa á oficial prevista para a segunda feira 17D vaise realizar "si ou si", dixo esta sexta feira aos meios o deputado socialista Julio Torrado."O PP non é digno de frear ningunha voz por moito que tente torpedear ou amordazar calquera que non poda controlar", engadiu.

Por súa parte, Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, anunciou hoxe en rolda de prensa que estudarán tomar medidas legais por "ir contra a liberdade de expresión, o dereito a participación e o funcionamento dos grupos". Non tolerarán, din, que o Parlamento "se encastele" e se afaste da cidadanía. 

A Comisión xurdiu como unha ferramenta paralela dada a "ineficacia" da oficial. En vista ás recentes protestas de persoal dos PAC, dimisións en bloco de xefes de atención primaria da área de Vigo e o falecemento duinha persoa no PAC da Estrada, feitos que califican de "gravísimos". 

"O presidente da Xunta, coa súa política sanitaria está poñendo en risco a saúde das persoas e nin nos van calar nin nos van parar porque o máis importante que podemos defender é a sanidade publica deste país", contou Pontón na mañá desta sexta feira 14 de decembro. 

Canto a En Marea, o viceportavoz, Antón Sánchez, cualificou de "antidemocrática" o veto do PP ao uso da sala, bloqueo que en todo caso ilustraría até que punto o partido do goberno "ten algo que ocultar". "Non lle imos permitir [ao PP] que nos poñan a mordaza a nós e a unha sociedade que maioritariamente considera que a sanidade debe ser pública e de calidade", engadiu.



x