O BNG CERTIFICA A SÚA SUBA E AS MAREAS SOFREN UN DURO REVÉS

O PP volve retroceder nas eleccións municipais mentres o PSOE gaña forza

O PP volve retroceder nas eleccións municipais mentres o PSOE gaña forza
[Imaxe: Distrito Xermar] Colexio electoral en Cerceda
[Imaxe: Distrito Xermar] Colexio electoral en Cerceda  

O Partido Popular continúa a súa caída na Galiza. Nas cidades só logra impoñerse en Ferrol e na Coruña -nesta cidade por unha estreita marxe de votos- mais non o suficiente como para se facer coas alcaldía. Soben o PSOE, que se sitúa a un pé de acadar o bastón de mando en seis das sete cidades e o BNG, que continúa como primeira forza en Pontevedra e que aumenta un 25% de apoios nas urbes. Caen as autodenominadas candidaturas de unidade popular, que fican sen A Coruña, sen Ferrol e sen Compostela.


O Partido Popular continúa cedendo terreo na Galiza e pasa das 149 maiorías absolutas que obtivera en 2015 ás 127 -perde unha das maiorías absolutas simbólicas, a de Vilalba, feudo do seu fundador, Manuel Fraga-. En canto ás maiorías relativas, logra 48 fronte ás 55 de 2015. O partido de Feixoo cae no conxunto da Galiza do 35,73% dos votos ao 33,35% das anteriores municipais.

Nas urbes só logra impoñerse en Ferrol e na Coruña -nesta última por unha estreita marxe de votos-, mais non o suficiente como para ostentar o bastón de mando.

O PSOE, a piques de gobernar seis cidades

O PSOE, pola súa banda, atópase a un pé de acadar o bastón de mando en seis das sete cidades galegas. Consegue pasar do 26,26% dos apoios ao 32,77% e de 48 a 66 maiorías absolutas, entre as que destaca a de Vigo, onde Abel Caballero obtén tres actas máis, até chegar a 20. Asina tamén 27 maiorías relativas, fronte ás 30 das anteriores municipais.

Destaca o resultado conseguido en Compostela, onde ascende dos catro aos dez edís e onde ten asegurada a súa volta á alcaldía despois de cederlla a Conde Roa en 2015.

O Bloque sobe un 25% nas cidades

O BNG certifica a súa recuperación e consolídase como terceira forza con máis apoios na Galiza. Logra aumentar o apoio un 25% nas cidades -en Pontevedra continúa como partido máis votado- e obtén representación en todas elas, ao recuperar unha acta en Vigo e dúas en Ourense. O maior ascenso dáse en Lugo, onde sobe dos dous aos cinco edís.

No conxunto do país, a forza nacionalista pasou do 11,74% dos votos de 2015 aos 12,47% e consegue 15 maiorías absolutas -Allariz, A Mezquita, A Pobra do Brollón, Baños de Molgas, Barro, Carballo, Mazaricos, Moeche, O Rosal, Ribadeo, San Sadurniño, Santiso, Tomiño, Vilar de Barrio e Zas- fronte ás 13 de 2015, así como 9 relativas, fronte as 4 das anteriores municipais.

As mareas ceden as alcaldías da Coruña, Compostela e Ferrol

Os autodenominados espazos de unidade popular sufriron un duro revés na xornada electoral, pois perden as tres Alcaldías que posuían nas cidades: a da Coruña, a de Compostela e a de Ferrol.

Na Coruña, a Marea Atlántica, capitaneada por Xulio Ferreiro, baixa de dez a seis representantes; a Compostela Aberta de Martiño Noriega cae até a terceira posición na Corporación municipal ao pasar de dez edís a cinco e Ferrol en Común, encabezada por Jorge Suárez, perde tres edís e cae a tres cadeiras, cedendo máis da metade dos apoios.

Desaparece a Marea en Pontevedra e Ourense en Común tamén perde a súa representación, ao igual que Lugo Novo. En Vigo, a Marea caeu dos tres a dous representantes.