CARLOS MORAIS, PRIMEIRA LINHA

"É preciso un proceso de recomposición integral da esquerda patriótica"

"É preciso un proceso de recomposición integral da esquerda patriótica"
Carlos Morais [Imaxe O.R.]
Carlos Morais [Imaxe O.R.]  SG

Conversamos co ex-secretario xeral de Primeira Linha após a súa demisión o pasado 30 de novembro.


Secretario xeral de Primeira Linha desde a súa fundación en 1996, Carlos Morais anunciou a súa demisión o pasado 30 de novembro após unha conferencia política da organización. Con el conversamos sobre a escisión que motiva a súa renuncia e do proceso interno que se abre no seo da formación a partir de agora mais tamén do contexto político que atinxe a esquerda nacionalista e independentista galega na actualidade e do futuro do proxecto nacional galego. 

Anunciaches a túa demisión o 30 de novembro, cales foron as razóns que te levaron a tomares esta decisión?
O día 30 de novembro realizamos unha Conferencia nacional do partido porque había unha serie de diferenzas político-organizativas no seo de Primeira Linha. Concretamente, un conxunto de militantes que na Conferencia optaron polo abandono da organización, mais que viñan desde hai varios meses expresando unha serie de diferenzas a respeito da aplicación do centralismo democrático, para alén de amosárense contrarios á existencia de compartimentación. De maneira implícita defendían a necesidade de recoñecer correntes de opinión no seo do partido e tamén cuestionaban a figura da secretaría xeral. Convocouse a conferencia e nela debatéronse dous informes, un elaborado polo Comité Central e outro por un militante axudado por un conxunto de ex-camaradas. Neses documentos aparecían recollidas as dúas visións de como debía ser o modelo participativo de Primeira Linha. Hai que ter en conta que PL desenvolveu en 2013 a súa IV Conferencia nacional na que tiña ratificado o modelo de partido comunista de cadros. O comité coida que un ano e medio despois non había lugar para reabrir o debate, un debate que, aliás, cuestionaba o cerne do partido. Froito desa confrontación de ideas un sector reducido optou polo abandono. Esas foron as principais diferenzas. Ora ben, logo terían a súa expresión no punto de vista da política de alianzas, o modelo de proxecto revolucionario para este país, embora non se chegar a explicitar de maneira escrita. 

"Tiña pensado abandonar a miña responsabilidade no Congreso ordinario mais acelerei a decisión porque consideramos que era o que máis podía axudar á perdurabilidade do proxecto político"

Aí é onde decides dar un paso atrás ou era a organización quen entendía que debías dalo?
Tiña previsto demitir froito desas diverxencias. En boa parte é un fracaso por parte do Comité Central e, nomeadamente, daquela persoa que o encabeza, ao ser incapaz de manter a cohesión do partido. Previamente tiña pensado abandonar a miña responsabilidade no Congreso ordinario, convocado para o 26 de abril. mais acelerei a decisión porque consideramos --ou considerei-- que a miña demisión era o que máis podía axudar á perdurabilidade do proxecto político marxista-leninista iniciado en 1996. Asemade, iso tamén me permitía superar na propia Conferencia nacional unha limitación do secretario xeral nun debate, e é que está un pouco atado ou condicionado pola propia responsabilidade. Desta maneira podía dicir exactamente o que pensaba. Non foi unha novidade, entendo que para o exterior si, mais para o partido e a súa dirección era algo que estaba pactado. 

Entón é un paso atrás mais non unha saída de Primeira Linha...
Contrariamente a algunhas interpretacións que se fixeron após o comunicado, que apuntaban a miña saída de Primeira Linha, iso non é certo. Sigo no Comité Executivo e no Comité Central. De maneira que dou un paso atrás. A miña intención é deixar de ser unha persoa con proxección pública e non exercer de portavoz. En función da miña disponibilidade e do que o conxunto do partido considere, veremos onde encaixo no período que se abre agora. 

"En función da miña disponibilidade e do que o conxunto do partido considere, veremos onde encaixo"

Falabas da baixa dun grupo de persoas que, asemade, se localizan principalmente no sur do país. Como fica organizativamente agora Primeira Linha?
Por vez primeira desde 1996 hai unha escisión. Chamémoslle ás cousas polo seu nome. É un abandono colectivo dun conxunto de militantes. As baixas prodúcense, basicamente, do río Lérez cara ao sur. Esas persoas foron comunicando através de correo electrónico á dirección a súa baixa, mais isto non supón que a organización desapareza do Lérez para abaixo, embora algunhas desas persoas son cadros destacados do punto de vista político-organizativo. Agora toca iniciar un proceso re-organizativo, de impulso e de re-agrupamento. Nós non temos interese en entrar en confrontación cos ex-camaradas que continúan a ser compañeiros na Unidade Popular [Nós-UP]. Mais non houbo acordo porque esoutra parte da organización non quixo chegar a el. 

Cales son as diferenzas ideolóxicas e como reverte todo isto en Nós-UP?
Non sei cales son as diferenzas políticas a respeito da liña táctica. Primeira Linha realizou o V Congreso en 2010 e nel definimos as diferentes fases da revolución galega apostando na vía insurreccional para lograr construír na Galiza unha patria socialista. Esa é a posición que nós imprimimos através de Nós-UP. En febreiro de 2013, Nós-UP --froito das mudanzas que se viñan dando no seo do nacionalismo maioritario-- promove ou inicia unha serie de contactos que culminan na primeira manifestación unitaria nacionalista e independentista desde había décadas. A partir de aí iníciase un proceso de unidade parcial, moi concreta, non constante, co BNG e outras organizacións da esquerda nacionalista. Iso terá tamén a súa expresión na constitución da GPS, embora esta non chegou a callar pola falta de vontade do BNG, embora nós pensarmos que era un proxecto estratéxico que ía permitir que persoas moi variadas puideramos facer traballo conxunto através da idea que nos une que é a soberanía nacional.

"Desde a Unidade Popular entendemos que hai un avanzo imparábel do furacán que representa o españolismo de esquerdas tanto no plano político como social"

Desde a Unidade Popular entendemos que hai un avanzo imparábel do furacán que representa o españolismo de esquerdas tanto no plano político como social. Coas súas diferentes expresións. Nese senso, nen a esquerda nacionalista nen o BNG ten capacidade para frear ese avanzo. Cremos que están esgotadas a maior parte das siglas da esquerda patriótica. Tanto o Bloque como a de Nós-UP, polo que é preciso encetar un proceso de recomposición integral da esquerda patriótica. Defendemos pular por un polo patriótico rupturista e iso tería que vir xerido por un proceso no que as diferentes organizacións --con xenerosidade e altura de miras-- optasemos por unha refundación. Ou será inviábel parar o proceso de españolización. Cremos que o proxecto nacional galego está á beira da súa derrota estratéxica. A esquerda independentista --froito da súa fragmentación e debilidade-- é hoxe incapaz de ocupar o espazo que representa o nacionalismo de esquerda e, se iso cae, Galiza como proxecto político vai desaparecer antes ou despois. Nestes momentos constatamos que o BNG opta por reforzar a súa sigla. Haberá que agardar aos resultados das municipais para que se dea conta unha parte da dirección do Bloque da catástrofe cara á cal camiñamos. 

" A esquerda independentista  é hoxe incapaz de ocupar o espazo que representa o nacionalismo de esquerda"

Cal é o clima co que encara a militancia de Primeira Linha este proceso de debate interna de cara ao Congreso de abril?
Primeira Linha é hoxe un partido máis cohesionado que o día 30 de novembro. Mais foi un golpe moral importante. Seguimos acreditando na existencia dun partido de cadros, leninista, selectivo, unificado e centralizado. Continuamos co proxecto para adiante tamén cunha política comunicativa máis transparente, de aí que se emitise un comunicado --contrariamente ao que se tería realizado noutra ocasión-- recoñecendo a escisión e a demisión do secretario xeral. 

Botando a ollada atrás, como valoras todo este tempo transcorrido á fronte de Primeira Linha?
Primeira Linha nace no seo do BNG. Na altura de 1996 a fronte patriótica non permitía a existencia dunha corrente que se definise claramente como independentista e as condicións subxectivas e obxectivas imposibilitaban medrar. Aí decidimos saír do Bloque e iniciar un proceso de unidade de acción co independentismo que daquela existía, moito máis fragmentado e debilitado que na actualidade. O proxecto até o de agora foi evoluíndo en diferentes etapas dando lugar á reformulación do campo da esquerda independentista. Dunha banda co xurdimento de Nós-UP froito do Proceso Espiral, diferentes iniciativas de carácter máis amplo e non partidario como as Bases políticas galegas, a creación da primixenia Causa Galiza nun momento determinado, etc. Nós cremos que o proxecto que se funda no 95-96 non atinxiu unha boa parte dos obxectivos marcados, neste tempo, nen a nivel organizativo nen a nivel social, embora cremos que noutras vertentes si o fixo incorporando achegas á esquerda patriótica.

"É urxente que a esquerda nacional se mova. A españolización entre as faixas de idade máis novas é evidente"

O balanzo é positivo e negativo, se temos esas dúas cuestións en conta. Actualmente é evidente que estamos inmersos nunha crise capitalista a escala mundial, acompañada no Estado español dunha crise do propio rexime. Neste contexto as forzas da esquerda independentista non estamos a ser capaces de encabezar o descontento social que está a ser canalizado por forzas de aparente carácter radical e rupturista, mais que non son máis que a segunda versión do que aconteceu a final dos 80. Podemos non é máis que o PSOE 2.0, o instrumento máis útil para un sector da oligarquía para perpetuar o sistema e evitar que o descontento remate nunha revolta popular. A medio prazo pode rematar nunha enorme frustación. 

Falabas da construción dun polo patriótico rupturista, coidas que será factíbel?
Hai un conxunto de actores e axentes políticos e sociais dentro da esquerda patriótica que son minoritarios, si, mais teñen unha carga do punto de vista político-ideolóxico e de lexitimidade aos que o nacionalismo hoxe non chega. A converxencia destes vai crear un efecto chamada entre centenares ou millares de activistas sociais que neste momento están orfos ou optan polo mal menor, mais que coidan que o BNG non representa unha forza política rupturista, senón que identifican como unha sigla máis do rexime, cos matices que lle queiramos colocar. Nós seguimos apostando na recomposición da esquerda patriótica. É urxente que a esquerda nacional se mova. A españolización entre as faixas de idade máis novas é evidente. Mesmo aqueles sectores onde a esquerda nacional era hexemónica como o movemento estudantil e xuvenil están a ser disputados pola esquerda española. Nós temos enormes dificultades á hora de transmitir con pedagoxía política que os problemas reais da maioría da poboación, desemprego, precariedade laboral, emigración, pobreza... só se poden resolver se aquí existen mecanismos de decisión, se temos soberanía plena. Hai que mudalo todo para poder ser un instrumento útil, eficaz para Galiza no século XXI, e non seguir coa cabeza posta no século XX que é o que nos acontece ao conxunto da esquerda patriótica.