Preguntan polo documento da cesión ou venda á familia Franco de dúas estatuas da Catedral


Preguntan polo documento da cesión ou venda á familia Franco de dúas estatuas da Catedral
O BNG de Santiago quere saber se tal certificado existe ''de cara a reclamar este patrimonio cultural para restituílo''. Une a súa voz á da asociación O Sorriso de Daniel, que xa remitiu unha carta á filla do ditador para 'convidala' a devolver as figuras cadrando co 800 aniversario da Catedral

O BNG de Compostela quere saber se existe algún documento que acredite a cesión ou venda por parte do Concello á familia Franco de dúas pezas de arte románica pertencentes ao Pórtico da Gloria. A asociación en defensa do patrimonio medieval galego O Sorriso de Daniel foi a primeira en alertar da existencia deste novo episodio na historia dos bens culturais acumulados pola familia do ditador ao reclamar por carta a Carmen Franco o pasado marzo que devolvese as figuras.

Á súa voz sumouse agora a do concelleiro nacionalista Rafael Vilar, quen rexistrou unha pregunta dirixida ao Goberno municipal para "coñecer con exactitude a documentación existente de cara a reclamar este patrimonio cultural para restituílo ao emprazamento orixinal". Mais Vilar, quen mantivo un encontro con representantes de O Sorriso de Daniel, adiantou xa que o Concello mercou as dúas estatuas-columna en 1948 ao conde de Ximonde por 60.000 pesetas e coa única condición de que non saísen da cidade. Durante un tempo decoraron as escaleiras do Pazo de Raxoi, até que a familia do ditador as levou despois dunha visita á capital da Galiza e que hoxe garda a familia do ditador na Casa de Cornide, na Coruña.

O Sorriso de Daniel aproveitou a celebración do 800 aniversario da Catedral para reclamar á filla de Franco, presidenta da española Fundación Nacional Francisco Franco, que as dúas pezas sexan entregadas para a súa custodia no Museo da Catedral. En concreto, trátase de dúas estatuas esculpidas no obradoiro do Mestre Mateo, entre finais do século XII e comezos do XIII, que poderían representar a Abraham e a Isaac, de acordo con publicacións especializadas en arte románica.

Así as cousas, segundo as condicións do conde de Ximonde, se as pezas saían de Compostela el percibiría unha indemnización de 400.000 pesetas que non chegou a cobrar nunca, a pesares de que en 1961, na exposición Arte Románico --a máis importante de todas as mostras sobre este período artísitco-- as estatuas aparecen identificadas como propiedade de 'Su excelencia, el Jefe del Estado' e ubicadas no Pazo de Meirás, en Sada, fóra de Santiago. Polo documento que acredita tal doazón é polo que pregunta agora o BNG.