ALCALDÍAS APÓS O 26M

Premia a veciñanza as mocións de censura?

Premia a veciñanza as mocións de censura?
Moción de censura en Tui. Outubro de 2017
Moción de censura en Tui. Outubro de 2017  @AntonioLombaBaz

Dez municipios galegos mudaron de alcaldía mediante a presentación de mocións de censura durante o mandato 2015-2019. Oito alcaldías acadadas por este procedemento revalidaron nas urnas do pasado domingo, aínda que algunhas dependerán dos pactos. Só en Tui gaña o alcalde desaloxado pola dereita.


En Galiza producíronse con éxito no anterior mandato municipal (2015-2019) até dez mocións de censura que cambiaron os gobernos locais. Após os comicios do 26 de maio oito das dez alcaldías obtidas por este procedemento están en disposición de erguer de novo o bastón de mando. As dúas excepcións son Tui, onde o alcalde desaloxado recuperará o goberno, e Coristanco, onde o alcalde da moción de censura non revalida mais si o fan os seus socios do PP.

En Tui o alcalde desaloxado recuperará o goberno e en Coristanco o alcalde da moción de censura non revalida mais si o fan os seus socios do PP

Unicamente Tui suspendeu as forzas que desaloxaran en medio da lexislatura o alcalde do PSdeG Enrique Cabaleiro. As urnas do pasado domingo 26 de maio deron ao PSdeG unha insólita maioría absoluta no municipio tudense, e pese a perdela no reconto da xunta electoral coa aceptación dunha papeleta do PP que fora declarada nula por ter un “si” escrito, agora Cabaleiro poderá igualmente gobernar pactando co BNG e ou a Marea e así recuperar a alcaldía.

As forzas conservadoras PP e Converxencia 21, cuxo líder Carlos Vázquez Padín foi o alcalde que substituíu a Cabaleiro, perderon 3 actas en conxunto. Após os malos resultados do 26M, Padín vén de anunciar que renuncia a acta de concelleiro.

As forzas conservadoras PP e Converxencia 21 perderon 3 actas en conxunto

A outra excepción é Coristanco, onde o PP, socio da moción de censura efectuada, foi a forza máis votada e é quen ten maiores posibilidades de gobernar, aínda que pasou de 6 a 5 actas. Porén, todo está por decidir, xa que o resto de asentos do consistorio repártense entre Terra Galega, BNG, Agrupación de Electores e Contigo. Esta última é a lista coa que se apresentou Abraham Gerpe, quen precisamente chegou á alcaldía nun tenso pleno celebrado en agosto de 2017, após abandonar o PSdeG e apoiarse nas e nos edís do PP. Desaloxou así contra todo prognóstico a Amancio Labandeira (Terra Galega) da alcaldía, que se volveu presentar este domingo pasando de 5 a 3 actas.

Os oito concellos que premian as mocións de censura

En Boimorto o alcalde nacionalista e actual deputado do BNG, Xosé Luís Rivas ‘Mini’, abría un tempo novo para Boimorto situándose en 2015 á fronte da alcaldía. Mais poucas semanas após a investidura, no mes de agosto do mesmo ano, o tránsfuga do PSdeG Juan Balado devolveu a alcaldía o PP de Gonzalo Concheiro. Desta volta, María Jesús Novo Gómez foi a candidata popular e logrou de novo o bastón de mando para a dereita cunha maioría absoluta.

En Sobrado dos Monxes déronse dúas mocións de censura nas que interveu a Garda Civil ante as protestas no consistorio

En Sobrado dos Monxes déronse dúas mocións de censura nas que interveu a Garda Civil ante as protestas no consistorio. Primeiramente Lisardo Santos do PSdeG era o alcalde, mais o PP e Todos por Sobrado levaron adiante unha moción que deu a alcaldía a María Jesús García da lista Todos por Sobrado. Un ano após e debido a cambios producidos no grupo popular, foron o PP máis un edil non adscrito e o PSdeG quen desaloxaron a García e devolveron a alcaldía a Lisardo Santos. Agora, o alcalde do PSdeG volveu gañar con maioría absoluta as eleccións co 72,58%.

En Fene, Juventino Trigo do BNG foi expulsado da alcaldía da man do PP e de Somos Fene

En Fene, Juventino Trigo do BNG foi expulsado da alcaldía da man do PP e de Somos Fene, encadrada no espazo das mareas locais. O PP púxose á fronte do goberno con Gumersindo Galego. Nas urnas deste domingo empataron BNG e PP a 6 edís, mais a dereita non ten con quen pactar e o BNG recuperará previsibelmente a alcaldía.

En Mugardos, unha moción desaloxou do consistorio a Juan Domingo de Deus. A pesar de volver gañar no 26M, a alcaldesa da moción de censura, Pilar Díaz (Esquerda Unida-Son en Común), subiu en votos e pode revalidar a alcaldía cos apoios do PSdeG e BNG.

En Noia Santiago Freire, do PP, que accedeu á alcaldía por moción de censura, perdeu un edil pero poderá gobernar cos independentes.

En Santa Comba o PSdeG foi desaloxado en 2016 da alcaldía, ao igual que acontecera en 2008. A alcaldesa do PP, María Josefa Pose, subiu agora nas eleccións. Porén, a decisión de quen terá o goberno fica en mans de Compromiso por Galicia.

No concello de Oia o PP efectuou unha moción de censura que deu a alcaldía a súa líder Cristina Correa. Nas urnas deste domingo mellorou os seus resultados e conseguiu a maioría absoluta.

En Pontecesures o PP sube con José Manuel Vidal Seage á cabeza e poderá gobernar con Terra Galega e os independentes. Cecilia Tarela do BNG fora a alcaldesa saída das urnas de 2015.