EN OURENSE, O GRAN DERROTADO FOI PACHI VÁZQUEZ

O presidente da Deputación faise co control do PSdeG da Coruña

O presidente da Deputación faise co control do PSdeG da Coruña
Á dereita, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e líder do PSdeG coruñés. Foto: cedida.
Á dereita, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e líder do PSdeG coruñés. Foto: cedida.  

Valentín González Formoso liderará o PSdeG da provincia da Coruña despois de impoñerse nas eleccións primarias á militante compostelá Mercedes Rosón por 37 puntos. O tamén presidente da Deputación da Coruña obtivo o apoio do 68,49% dos votos -1.450. Rosón quedou con 666 sufraxios, o 31,46% dos emitidos.
 


González Formoso, que ademais é alcalde das Pontes, consolida así a súa baronía provincial. Nas primeiras declaracións despois da súa vitoria, apurou a reducir diferenzas co secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, de entrada máis próximo a Mercedes Rosón.

En Ourense o gran derrotado no proceso interno socialista foi o ex secretario xeral do PSdeG, e candidato á presidencia da Xunta en 2012, Pachi Vázquez. Con 307 votos e o 28,2%, Vázquez quedou en terceira posición, por tras da deputada no Parlamento galego Noela Blanco -336 sufraxios e o 30,9%- e do alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, que obtivo 427 e unha porcentaxe do 39,2%.

Ao non acadaren ningún dos tres candidatos o 50% dos votos emitidos -1.088, case o 71% do censo-, Blanco e Rodríguez Villarino deberán disputar unha segunda volta das primarias para dirixir o PSdeG da provincia de Ourense.

Os gañadores dos procesos internos serán refrendados en congresos provinciais.