Os prezos do alugueiro esganan as galegas

Os prezos do alugueiro esganan as galegas
[Imaxe: Pixabay]
[Imaxe: Pixabay]  
A imposibilidade das maiorías sociais de accederen á compra dunha propiedade debido á perda de capacidade adquisitiva e á inestabilidade laboral xeralizada a raíz da crise de 2009 e das reformas laborais produciron un aumento da demanda de vivendas de alugueiro. Porén, na Galiza é inasumíbel para gran parte da poboación facer fronte a un alugueiro por mor da continuada suba dos prezos. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza.

m5_12-13_alugueirosAs causas da burbulla e dos inalcanzábeis prezos dos alugueiros atópanse no insuficiente volume de vivenda pública e na importante cantidade de casas e pisos que están baleiros á mantenta pola decisión de grandes propietarios, fondos de investimento e bancos co obxectivo de xerar menor oferta que demanda e, por conseguinte, producir un aumento do custo do alugueiro.

Así, agosto de 2019 iniciou cunha oferta por baixo dos 4000 inmóbeis de alugueiro na Galiza, segundo o informe publicado pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que cifrou exactamente en 3930 as vivendas dispoñíbeis para alugueiro na nosa terra. A entidade amosou no seu o estudo preocupación pola carencia de inmóbeis, xa que implica a ausencia de oferta para dar resposta á demanda e a imposibilidade a curto prazo de que se poidan reducir os prezos por si sós en cidades onde se sitúan xa polas nubes como Vigo, A Coruña e Compostela.

Fegein destaca no seu último informe un elevado aumento do prezo do alugueiro que marca xa máximos históricos na taxación do metro cadrado. Outra causa que explica a falta dispoñibilidade de vivenda de alugueiro é o negocio das vivendas turísticas. As declaradas para tales usos xa chegan a 8000 na nosa nación, mais é común a proliferación de pisos e casas que se alugan por días a visitantes, sen que os ingresos xerados sexan declarados e carecendo ademais de licenza para tal explotación.

A zona vella da capital galega é unha das máis afectadas por este negocio, onde estudantado e clase traballadora xa comezan a recibir preavisos orais por parte da parte arrendadora para non renovar contratos co obxectivo de destinar as vivendas a alugueiros turísticos con motivo do Xacobeo 2021.

A media galega dispárase a respeito da estatal

No primeiro semestre de 2019 os valores medios do prezo do alugueiro no conxunto do Estado español apresentaron un incremento moderado, segundo cualificou o portal inmobiliario Fotocasa no seu estudo difundido en xullo. Así, en canto á suba trimestral, o prezo do alugueiro ascendeu de 0,6% a 0,8% interanual, é dicir, en 6 meses no Estado incrementouse un 2,7% o valor dos alugueiros. Así, por unha vivenda de 80 metros cadrados pagáronse 682 euros no mes de xuño de 2019 (8,52 euros/m2 ao mes), mentres que en decembro de 2018 a cifra estaba en 664 (8,30 euros/m2 o mes).

Porén, a suba foi moito máis acusada durante o mesmo período na Galiza, atendendo aos mesmos dados ofrecidos polo portal Fotocasa. Desta maneira, na nación galega o incremento do prezo do alugueiro durante o primeiro trimestre de 2019 subiu até o 6,5% respecto dos valores rexistrados en decembro de 2018.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]