JOSÉ M. PÉREZ, CANDIDATO Á ALCALDÍA DE LUGO POR PODEMOS

"É a primeira vez que a xente vai poder votar Podemos en Lugo"

"É a primeira vez que a xente vai poder votar Podemos en Lugo"
José Manuel Pérez
José Manuel Pérez  

Podemos concorre en solitario á Alcaldía de Lugo cunha candidatura encabezada polo secretario do círculo local do partido morado, José Manuel Pérez. Coñecido como Josito, este mestre de primaria e especialista en educación musical comezou a implicarse na política cando as mobilizacións do 15M. No pasado mes de novembro, Podemos anunciou o seu abandono de Lugonovo (lista apoiada por En Marea) e a confluencia tampouco deu froitos coa candidatura de ACE-Esquerda Unida-Equo. O vindeiro 26 de maio Podemos ten o obxectivo de dar o salto ao concello de Lugo. Responde este cuestionario vía correo electrónico.


Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Supuxeron catro anos perdidos, de parálise, descontrol e deterioro da nosa cidade e das condicións de vida da xente de Lugo, e todo porque os diferentes partidos estaban máis pendentes de meter o dedo no ollo aos adversarios políticos que de facer propostas e chegar a acordos para facer política útil para a veciñanza.

Debemos esquecer as loitas de siglas e intereses partidistas e facer política con maiúsculas, política que mellore a vida das persoas, que é o máis importante e o motivo polo que algúns demos este paso de meternos en política.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Negativamente, non houbo capacidade de diálogo, non houbo intención de chegar a acordos para dotar de estabilidade o noso concello e facer todas as cousas que se debían facer para mellorar a situación da nosa cidade. Cada vez todo máis deteriorado, peores servizos, peores condicións de vida, dispendio económico en servizos con contratos caducados… non comparto o feito polo PSOE en Lugo, pero desde Podemos temos claro que estamos aquí para gobernar, para tender a man a acordos polo ben da cidadanía e poñendo os intereses da xente por enriba de cuestións partidistas.

Somos a única garantía de estabilidade e de que teñamos un concello de progreso que lle peche definitivamente as portas á dereita mais rancia que só quere enfrontamentos e recortes de liberdades.

E o traballo realizado polo seu partido?

É a primeira vez que a xente vai poder votar a Podemos na nosa cidade. Nós tentamos sen éxito, tamén hai que dicilo, facer unha fronte común por responsabilidade coa xente, pero o noso obxectivo é ser decisivos, ser importantes e propositivos, ter a capacidade de chegar a acordos para conseguir que en Lugo vivamos mellor, que o concello funcione e que a acción política dea resposta ás necesidades reais das persoas que viven no noso municipio.

Levamos tempo recollendo propostas de colectivos e veciñanza para incorporalos ao noso programa, temos que conectar as institucións e as rúas.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

A principal é a que teñen todos os concellos, que os políticos fagamos o noso traballo para ser parte da solución e non un problema máis que paraliza as nosas cidades. Temos problemas de transporte, temos problemas exclusión social, precisamos servizos que desde outras administracións negan por cuestións de loita partidista, precisamos mellorar a calidade de vida da xente e coidar e respectar o noso marabilloso entorno natural.

Non hai prazas de educación infantil, non hai tecido empresarial e industrial, hai problemas de vivenda e de convivencia. Queda un traballo tremendo que só poderemos facer chegando a acordos.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Promoveremos a creación dunha empresa municipal de distribución eléctrica con bono social para abaratar o prezo da luz e que ninguén quede sen enerxía. Poremos en funcionamento un plan integral de coidados a maiores e colectivos en risco de exclusión con vivendas tuteladas, acompañamentos nos fogares con atención médica e vivendas refuxio para mulleres maltratadas e os seus fillos. Faremos un censo de vivenda baleira en mans de bancos e inmobiliarias e subirémoslles os impostos, de modo que só os poderán rebaixar se poñen esas vivendas baleiras en aluguer social ou se as ceden para vivendas municipais tuteladas.

Ademais, cambiaremos o sistema de autobuses urbanos porque o actual non funciona e non atende as necesidades da xente. Precisamos tamén educación infantil pública e gratuíta de 0 a 3 anos. Insistiremos e presionaremos á Xunta para a creación dun segundo PAC en Lugo no barrio da residencia ao que por poboación temos dereito e incluiremos cláusulas sociais e a perspectiva de xénero para asegurar unha igualdade real en todos os contratos e accións de goberno. Comezaremos unha transición enerxética dos edificios municipais como primeiro paso para facer de Lugo unha referencia de cidade sostíbel no seu conxunto e respectuosa co medio.