DENUNCIAN FALLA DEMOCRÁTICA

O primeiro pleno de Vigo transcorre entre protestos por falla de democracia

O primeiro pleno de Vigo transcorre entre protestos por falla de democracia
Protesto no pleno de Vigo
Protesto no pleno de Vigo  

Veciñas e veciños denunciaron no primeiro pleno de Vigo “o amordazamento da pluralidade” pola decisión de Caballero de impedir a Marea de Vigo e BNG contaren con cadanseu grupo municipal. Así, a maiores do grupo do PSdeG, formouse o popular e o mixto, onde se integra Marea de Vigo. O concelleiro do BNG foi designado como non adscrito de modo provisional.


O primeiro pleno municipal do concello de Vigo realizouse coa formación do grupo do PSdeG, o popular e o mixto, onde se integran a concelleira e o concelleiro de Marea de Vigo. O edil do BNG, Xabier P. Igrexas, figura como concelleiro non adscrito embora solicitar grupo propio. O nacionalista interporá un recurso de reposición contra esta decisión. 

Veciñas e veciños simpatizantes do Bloque Nacionalista Galego asistiron amordazas ao pleno para denunciar a falla de pluralidade pola decisión do alcalde Abel Caballero de enviar ao grupo mixto ás e os edís de Marea de Vigo e do BNG. “O PSOE silencia a voz de 8.461 viguesas e vigueses” denunciou a veciñanza presente no pleno aludindo ao número de apoios que colleitou o Bloque na cidade nas pasadas eleccións municipais do 26 de maio.

Denuncian a falla de pluralidade pola decisión do alcalde Abel Caballero de enviar ao grupo mixto ás e os edís de Marea de Vigo e do BNG

Xabier P. Igrexas, voceiro municipal do BNG, anunciou a semana pasada a presentación dun recurso ao entender que a súa formación e a de Marea de Vigo debían ter dereito a contar cun grupo municipal propio para cada forza. O concello de Vigo, baixo a maioría absoluta de Abel Caballero, aprobou en 2016 unha modificación do regulamento coa que se elevou a tres edís o número mínimo para poder formar grupo municipal. Unha decisión, que tanto A Marea como BNG denunciaron contraria á pluralidade, máxime cando o PSdeG conta cunha maioría tan ampla.

"Hai quen confunde a maioría absoluta cunha ditadura romana", denunciou Igrexas perante o feito de que ambas forzas rematen integrándose nun mesmo grupo, xa que reduciría o número de intervencións e a capacidade de control ao goberno municipal.

Nese sentido, o portavoz do Grupo Mixto e líder de Marea de Vigo, Rubén Pérez, denunciou que a asignación por grupo municipal se reducise a 1.500 euros e, en cambio, incrementárase a retribución ligada ao número de actas. Desde o grupo popular tamén se criticou esa decisión, pois beneficia ao PSdeG coas súas 20 actas e prexudica o labor da oposición, do mesmo xeito que denunciaron que 11 concelleiras e concelleiros de goberno conten con dedicación exclusiva.

Rubén Pérez denunciou a cantidade de espazo asignada á súa formación, que considera insuficiente, mentres que Xabier P. Igrexas lembrou que non se lle concedeu ningún despacho.

O Concello destinará 1,1 millóns máis a festas

O Concello de Vigo destinará 1,1 millóns de euros procedentes da subvención destinada a Ryanair, que debido ao abandono por parte desta compañía da prestación de servizos no aeroporto de Peinador non se utilizou, á celebración do festival O Marisquiño e de festas do municipio. Así se aprobou esta segunda feira cos votos en solitario do PSdeG.

O BNG apresentou unha emenda ao expediente onde, dando importancia ao festival do Marisquiño, puxo o acento na necesidade dunha aplicación alternativa dese millón de euros para que se destinasen integramente a aumentar a partida do Plan Municipal de Emprego. Un uso, que o concelleiro Igrexas argumentou diante da situación de “emerxencia laboral” que vive a cidade con 2100 postos de traballo destruídos en 2019 e 11.7000 empregos menos que no cuarto trimestre de 2009. “Estes datos visan unha situación de evidente emerxencia laboral, que engadidos á crecente precariedade se traduce tamén nuns efectos sociais moi lesivos como verifica o feito de existir en Vigo 61 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza”, afirmou Pérez Igrexas na presentación da emenda.