Prisa demanda consenso para (re)centralizar o estado


Prisa demanda consenso para (re)centralizar o estado
O terceiro dunha serie de editoriais en que o grupo de comunicación procura exercer presión sobre o goberno español co fin de aprobar substanciais reformas políticas, bate contra os dereitos das nacións sen estado e demanda a modificación do actual mapa competencial.

El País apuntaba no primeiro dos seus editoriais a "urxencia" dun rescate da economía española e aseguraba que --intervido ou non--  o Estado español debería afrontar --e así o demandaba o diario español-- reformas "de fondo" como a do sistema das pensións. Segundo o grupo de comunicación, en beneficio da sustentabilidade do mesmo e perante a actual realidade económica, social e laboral, o executivo de Mariano Rajoy está case na obriga de reformar as pensións pois é, segundo apuntan, "un dos cambios estruturais que precisa abordar a economía". Aliás, demandan no El País celeridade na decisión argüíndo que é "inevitábel" fronte, din, "á presión da demografía e o deterioro do mercado laboral".

Prisa demanda a redución dos Parlamentos, a revisión das deputacións e a supresión de concellos e edís

Porén, o diario español, vai alén de modificacións políticas concretas e sectoriais e demanda a "corrección" do cal denominan "excesos" a través da exixencia dunha reforma da actual estrutura política territorial, en beneficio do "saneamento das finanzas públicas". Así pois, o editorial feito público esta terza feira avoga por unha redución de competencias para as autonomías --batendo nomeadamente contra as nacións sen estado como Catalunya, Galiza e Euskadi-- pois entenden no grupo de comunicación que estas unidades administrativas "canalizan bastante máis dun terzo do gasto público". Neste sentido, a "urxencia económica" --que motiva a publicación da serie de editoriais-- exixe, aseguran no xornal, "correccións urxentes" demandadas, din, desde un "sector da sociedade" que procura a redución de "persoal e empresas públicas".

El País asegura que a actual realidade económica exixe grandes mudanzas no mapa territorial

Así pois, Prisa demanda a redución dos Parlamentos --como "operación aconsellábel-- mais tamén "as deputacións provinciais, o número de concellos e de edís" e, finalmente, "reducir un 20%" o número de traballadoras e traballadores públicos até 2020- "Sexa cal for o mapa resultante", aseveran desde Madrid o obxecto é dar cun "control moi serio e profesionalizante do gasto públco".

No entanto, desde Prisa lanzan un aviso a navegantes para as forzas políticas soberanistas cuxas pretesnsións, afirman no El País, só engaden unha "fonte de inestabilidade á crise e non axuda a resolver os motivos de descontento" --argumento empregado en repetidas ocasións no goberno de Mariano Rajoy. Neste sentido, o grupo Prisa demanda un amplio "consenso" político para mudar as estruturas territoriais en beneficio da redución do gasto público e da suposta "responsabilidade" política. Porén, o chamado non é só para as "forzas de ámbito estatal" senón que vai para alén até a participación "dos nacionalistas", iso si, "de maior implantación".