AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... MANUEL BRAGADO

“O proceso de construción europea está a vivir a súa crise máis importante”

“O proceso de construción europea está a vivir a súa crise máis importante”
Manuel Bragado [Imaxe: Janite]
Manuel Bragado [Imaxe: Janite]  

O editor e escritor Manuel Bragado considera necesario recuperar “a utopía europeísta” fronte a UE actual. Pula por un marco “baseado na igualdade, a diversidade” e a libre circulación de persoas como espazo colectivo para unha nación galega que exerza a súa soberanía.


Segue con atención a campaña das eleccións europeas?

Si, de feito neste momento interésanme máis as eleccións europeas que as locais, xa que poden ser máis fulcrais para as galegas e galegos. Agardo que Galiza siga contando con representación como tivo con Ana Miranda.

Que temas importantes para Galiza bota en falta nesta campaña?

A cuestión fundamental son as políticas de igualdade na Unión, tanto a nivel territorial como no que ten que ver sobre a libre circulación efectiva de persoas e a súa incorporación ao proxecto da UE.

É Galiza unha nación europea?

Si, eu teño esa convicción. A idea de Europa como tal é unha das políticas fulcrais do último século, a pesar de que a utopía europea aínda non se concretase. O marco de soberanía e de autogoberno de Galiza e o proceso de construción nacional non ten outra vía que non sexa o entorno europeo, pero tamén precisa doutra Europa distinta da actual. Avogo pola Europa dos pobos e da igualdade entre as comunidades e todas as persoas. Creo que é un proxecto polo que aínda paga a pena apostar.

Cara a onde debe camiñar Europa?

O proceso de construción europea está a vivir a súa crise máis importante, sendo convertido esclusivamente nun mercado único baixo os intereses de determinados poderes do capitalismo actual.

Cómpre recuperar a utopía europeísta e constituír un espazo único de circulación de persoas, de ideas e de respecto á diversidade entre todas elas. Neste momento non son as ideas en voga, mais a situación do planeta, por exemplo no que atinxe ao cambio climático, require da participación do proxecto europeo se queremos un futuro esperanzador para a humanidade.