Profesionais da medicina, contra a xestión de Rocío Mosquera

Profesionais da medicina, contra a xestión de Rocío Mosquera
Rocío Mosquera
Rocío Mosquera  

Sindicatos e colectivos sanitarios súmanse á longa listaxe de opositores á conselleira de Sanidade. Batas Brancas denunciará a Consellaría perante a Fiscalía do TSXG.


Após a demisión en bloque do comité de bioética pola negativa da conselleira a facer público un informe sobre a calidade asistencial, o sindicato médico O'mega-Cesm e integrantes do colectivo Batas Brancas critican a xestión arbitraria da responsábel política de Sanidade. 

Neste senso, segundo recolle o xornal El País, o doutor Evaristo Varo, voceiro de Batas Brancas, anunciou que instará a Fiscalía a investigar a morte de 5 doentes de Hepatite C aos que lles foi negado ou concedido con retraso o acceso á medicación de nova xeración. Segundo este colectivo Sanidade podería ser responsábel do seu falecemento logo de comprobaren nunha xuntanza a nivel estatal que outros territorios gobernados polo Partido Popular, como Castela A Mancha ou Valencia, disolveron as subcomisións que en Galiza ten a potestade de autorizar ou non estes tratamentos. 

Aliás, denunciarán perante o Colexio de Mé[email protected] as persoas que integran a devandita subcomisión pois "denegan a cura a doentes que cumpren todos os requirimentos"

Piden o cesamento da conselleira

Desde Batas Brancas e O'Mega aseguran non entender a decisión do presidente da Xunta pois, sinalan, téñense cesado responsábeis políticos noutros territorios "por moitísimo menos". "Non entendemos o posicionamentos de Feijóo, deulle un talón en branco e preguntámonos por que", criticou Varo. 

O TSXG fallou en contra da Consellaría por existir "desviación de poder" no ascenso do marido de Mosquera como xefe de Cirurxía xeral do CHUS

Este profesional sanitario concorreu á praza de xefe de Cirurxía Xeral do CHUS no procedemento en que foi eleito o marido de Rocío Mosquera e no que o TSXG viu "desviación de poder". "Feijóo tiña moi fácil cesala cando o Tribunal Superior de Galiza fallou anulando o ascenso do seu marido", apunta. 

Porén, non só critican a súa xestión, senón tamén a actitude de Mosquera. Neste senso, desde o sindicato médico O'Mega denuncian que o seu "comportamento ten ido continuamente a peor pois, ao noso xuízo, conta cunha nula capacidade de negociación". Este feito exemplifícano coa demisión das persoas que integran a comisión de bioética após censurar desde Sanidade a publicación dun informe sobre calidade asistencial. Mais tamén a respeito do colapso das urxencias ou nas condicións laborais que atinxen @s profesionais da saúde.