GORETTI SANMARTÍN, SECRETARIA DE POLÍTICA MUNICIPAL DO BNG

“O programa marco para as deputacións supón un cambio histórico”

“O programa marco para as deputacións supón un cambio histórico”

O programa marco asinado polo BNG e o PsdG-PSOE camiña cara un “adelgazamento” competencial das Deputacións, a súa democratización e unha xestión sen clientelismo. A secretaria de Política Municipal do BNG, Goretti Sanmartín explícanos o alcance do acordo. 


-O acordo marco asinado polo BNG máis o PSOE conduce a un “adelgazamento” progresivo das deputacións?

Ese é o obxectivo que se recolle no documento. Conseguimos implicar ao PSOE e xa no epígrafe do inicio contémplase a “superación do modelo”. Queremos que se vaian transferindo equipamentos e servizos tanto á Xunta como aos concellos. Vai querer a Xunta que se desenvolvan estas transferencias? O que faremos é emprazar ao PP para que mostre a súa postura mais reclamaremos que a Xunta asuma o desenvolvemento estatutario de competencias. Tamén hai outras que poden ser transferidas directamente aos concellos, por exemplo algúns elementos de patrimonio. O compromiso que asumimos é que en tres meses teñamos enriba da mesa as competencias que hai que transferir como tamén que, en lugar de facer programación propia, as deputacións sexan unha canle e os concellos escollan en que van investir os orzamentos. No canto das que chamaban subvencións nominativas, optamos por plans que transfiran cartos aos concellos para os xestionaren directamente. 

-Que competencias son as que se van transferir? Os equipamentos sitúanse nos primeiros lugares da listaxe?

Pois é. Centros docentes, bibliotecas, museos, infraestruturas deportivas... e tamén hai que darlle unha solución aos parques comarcais de bombeiros. Outro ámbito é o da rede viaria porque hai algunha deputación que conta con 2.000 quilómetros de estradas cando o normal é que pasen á Xunta ou directamente aos concellos. 

"O PP coa reforma local que entrará en vigor en 2016 busca afianzar o proceso de recentralización e o noso modelo camiña cara darlle unha maior capacidade aos concellos e tamén á propia Xunta".

-Este acordo marco vincula ás dúas deputacións?

As dúas e, de se solucionar a situación, tamén á de Lugo. Neste momento, claro está, hai dúas comisións traballando, unha en Pontevedra e outra na Coruña para estudar os compromisos e as transferencias concretas mais as dúas seguen este acordo marco con eixos como a democratización, un verdadeiro cogoberno ou un funcionamento sen clientelismo. 

-Presentan o acordo como un proceso inverso á recentralización proposta polo PP na súa reforma local...

Así o defendemos. O PP coa reforma local que entrará en vigor en 2016 busca afianzar o proceso de recentralización e o noso modelo camiña cara darlle unha maior capacidade aos concellos e tamén á propia Xunta. Estamos nun momento histórico porque temos posibilidade de artellar un modelo diferente, con máis peso das estruturas comarcais, actuando sobre entidades supralocais e corrixindo os profundos desequilibrios territoriais. As deputacións teñen que servir para eliminar esas desigualdades, para que os servizos cheguen por igual a todo o mundo e por iso os plans xenéricos dirixiranse a concellos de menos de 50.000 habitantes mentres para entidades de maior poboación teñen que ser xustificadas. 

-Están a pechar os pactos de goberno na Coruña e Pontevedra, confían na posibilidade de que a situación mude en Lugo?

Confiamos, certamente, na posibilidade dunha mudanza. O que nos traslada o PSOE é que pode haber posibilidades porque agardan que Manuel Martínez cambie de posición e facilite a posibilidade dunha moción de censura. Non se vai producir de inmediato mais cremos que esta situación tampouco vai durar. A única solución é que Martínez decida mudar o seu voto. 

-Continúan aspirando a presidir a Deputación da Coruña?

Na Coruña hai un reparto de grupos e existe concordancia co programa que se vai desenvolver co cal o óptimo sería que as outras forzas se implicasen formando parte do goberno. Comprobada a coincidencia programática ao cento por cento, que o BNG tivera a presidencia sería unha garantía de que ese programa se desenvolvería de maneira máis intensa e acelerada porque temos o convencemento de cara onde compre camiñar. A decisión, en todo caso, está no tellado de Marea Atlántica que, ao noso ver, debía dar oportunidade a esa posibilidade que ía significar un impulso maior no camiño da transformación radical das deputacións. Teñen que decidir se prefiren que a presidencia sexa do BNG ou do PsdG-PSOE. A forza, a intensidade das mudanzas non vai ser a mesma e desde o BNG existe o compromiso de que os cambios se farán de maneira inmediata e acelerada.