O proxecto de Fomento de eliminar peaxes non inclúe a AP-9

O proxecto de Fomento de eliminar peaxes non inclúe a AP-9

O plan do Ministerio de Fomento afecta a aquelas autoestradas cuxas concesións finalizan nos vindeiros meses. A da Autoestrada do Atlántico non vence até 2048 após a prórroga que aprobou o goberno de Aznar en 2000. Cada día, Audasa ingresa na súa caixa por volta de 385.000 euros procedentes da peaxe que teñen que pagar as persoas usuarias. 


O ministro de Fomento, José Luis Ábalos, anunciou nunha entrevista en El País que quitará a peaxe das autoestradas cando estas rematen a súa concesión. Un plan que afecta a tres vías: AP-1 entre Burgos e Armiñón, AP-7 entre Alicante e Tarragona e AP-4 entre Sevilla e Cádiz; cuxas concesións acaban en 2018 e 2019.

O anuncio do ministro senta tamén un precedente para a AP-2 entre Zaragoza e o Mediterráneo e os tramos AP-7 Tarragona-La Jonquera e Montmeló-El Papiol, de 479 quilómetros no seu conxunto. Todos eles expiran o 31 de agosto de 2021, polo que a decisión final sobre estes tramos correspondería ao goberno naquela altura.

A AP-9 non se verá afectada por esta medida. A súa concesión vence en 2048 grazas á decisión adoptada por José María Aznar en 2000 que prorrogou en 25 anos máis una concesión que expiraba en 2023. Así pois, e de non habr cambios, até entón para transitar pola vía terrestre máis importante do país haberá que seguir a pagar peaxe.

Audasa, concesionaria da AP-9, fechou o exercicio 2017 con 44 millóns de euros de beneficio, unha cifra semellante aos 45 millóns que gañou en 2016. A facturación rexistrada en 2017 foi de 140 millóns de euros, o que supón unha facturación media de perto de 640.000 euros por cada quilómetro da autoestrada.

Cada día, Audasa ingresa na súa caixa por volta de 385.000 euros procedentes da peaxe que teñen que pagar as persoas usuarias dunha vía que pola que é indispensábel circular entre norte e sur do país, sendo a única alternativa traxectos máis longos, e duradoiros a través da estrada nacional