MANIFESTACIÓN XUVENIL UNITARIA

“Somos independentistas porque o proxecto do estado español e a Unión Europea non é compatíbel co noso”

“Somos independentistas porque o proxecto do estado español e a Unión Europea non é compatíbel co noso”
A mocidade das organizacións independentistas galegas presentou a Marcha Xuvenil Unitaria. Foto: Irene Pin
A mocidade das organizacións independentistas galegas presentou a Marcha Xuvenil Unitaria. Foto: Irene Pin  

As organizacións soberanistas xuvenís Briga, Erguer, Xeira, Galiza Nova e Isca! presentaron esta mañá, na Praza de Praterías de Santiago de Compostela, a Manifestación Xuvenil Unitaria, que terá lugar na Praza da Alameda o 24 de xullo as 20.00 horas, véspera do Día da Patria Galega. Baixo o lema: Galiza somos nós. Esta será a cuarta edición da marcha xuvenil. Vídeo no interior


No acto desta mañá os representantes dos diferentes colectivos nacionalistas xuvenís presentaron o programa da manifestación, os seus motivos e o plan de desenrolo da mesma. A concentración partirá da Alameda compostelá ás 20.00 horas do día 24 de xullo e terá remate no Toural. No día previo á celebración e conmemoración do Día de Galiza, os grupos xuvenís reclamarán e defenderán os seus valores e causas principais baseados na igualdade e feminismo; a solidariedade internacional, focalizando na problemática de acollida de refuxiados e as “políticas nocivas da comunidade europea”; a defensa do idioma e a cultura galegas.

Alberte Mera, representante de Galiza Nova; Sara Riveiro, de Briga; Xan Fernando, de Isca!; Ana Beatriz Rodríguez, de Xeira e Iria Figueroa de Erguer. Estudantes de Galiza leron o manifesto que dá as chaves dos motivos da mobilización para sacar á luz a cuarta edición da marcha xuvenil, baixo o lema: Galiza somos nós.

“Esta unión non se debe a unha casualidade nin a un xesto simbólico, xa que concordamos en que moitas cousas teñen que mudar para que a nosa nazón teña unha vida digna.”

Sara Riveiro, en representación da agrupación Briga, afirmou que “esta unión non se debe a unha casualidade nin a un xesto simbólico, xa que concordamos en que moitas cousas teñen que mudar para que a nosa nación teña unha vida digna.” Aqueles problemas que precisan ser cambiados apuntounos Alberte Mera, focalizando nas políticas europeas: “A Unión Europea, baixo a careta de apoiar a acollida de refuxiados, o único que fai é apoiar as guerras imperialistas das que foxen estas persoas”, por outra banda alegou que “a migración masiva é consecuencia da estratexia capitalista de España e a Unión Europea que nos converte na man de obra barata que sustenta as grandes multinacionais”.

"As mulleres temos o dereito de relacionarnos con quen queiramos e da maneira que queiramos”

Pola súa Parte, Iria Figueroa instou “a defensa da nosa lingua e, polo tanto, a defensa de nós mesmas para loitar contra as agresións que sofre o noso idioma, con leis españolizadoras como a LOMCE. Son moitos os golpes que recibiu a nosa lingua, facendo que sexamos unha minoría os que o falamos.” Figueroa quixo insistir na loita feminista que “vai da man das loita das liberdades sexuais”, da que non se esquecen nesta concentración, defendendo “a igualdade entre todas as persoas, xa que as mulleres temos o dereito de relacionarnos con quen queiramos e da maneira que queiramos.”

“Non estamos todas, faltan as presas”

Xan Fernando, do colectivo Isca!, defendeu a liberdade dos presos políticos independentistas: “Non estamos todas, faltan as presas”. Do mesmo xeito, afirmou que: “Estas persoas están na cadea por leis inxustas”. Por outra banda incidiu nos motivos da súa causa: “Somos independentistas porque o estado español e a Unión Europea nos demostran todos os días que o seu proxecto non é compatíbel co noso, impoñéndonos industrias como ENCE que é unha lacra para as nosas rías.”

Para rematar, Ana Beatriz Rodríguez, de Xeira, fixo un chamamento á mocidade galega á loita “contra a sociedade capitalista e o patriarcado”, loita que defenderán o próximo 24 de xullo na véspera do Día da Patria Galega.