O PRESIDENTE DA XUNTA DEFENDERA AGUIRRE E CIFUENTES

O PSdeG acusa Feixoo de estar afeito a un PP “anegado de corrupción”

O PSdeG acusa Feixoo de estar afeito a un PP “anegado de corrupción”
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. Foto: cedida.
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. Foto: cedida.  
“Non creo que esta persoas levasen un euro á súa casa. Estou convencido de que non é así”. Estas persoas son para Feixoo, autor das dúas frases anteriores, Esperanza Aguirre e Cristina Cifuentes, imputadas pola xuíz que investiga o financiamento ilegal do PP de Madrid. Para o PSdeG, as declaracións do presidente da Xunta amosan que “está afeito a vivir nun PP anegado de corrupción”.

“Galiza merece un presidente que se poña do lado da limpeza e da exemplaridade cando hai sospeitas de que se desviaron tres millóns de euros da sanidade pública cara á caixa B do PP”, engadiu esta cuarta feira o líder dos socialistas galegos Gonzalo Caballero. Segundo este, Feixoo defende as “madriñas políticas” de Pablo Casado, en referencia a Aguirre e Cifuentes.

As dúas ex presidentas da Comunidade de Madrid están a ser investigadas en relación ás irregularidades da formación conservadora e do seu financiamento. Para Gonzalo Caballero, a defensa de Feixoo é síntoma dun partido, o Popular, “que non asumiu ningún tipo de responsabilidade” pola corrupción.

O secretario xeral do PSdeG referiuse á “corrupción estrutural do PP, como se sentenciou no caso Gürtel”, e esixiu unha “rectificación” do seu máximo dirixente na Galiza, Alberto Núñez Feixoo.