O PSdeG asegura que o traspaso da AP-9 será “unha prioridade” a vindeira lexislatura

O PSdeG asegura que o traspaso da AP-9 será “unha prioridade” a vindeira lexislatura
O portavoz parlamentario do PSdeG Xaquín Fernández Leiceaga e a candidata ao Congreso pola Coruña Pilar Cancela. Foto: cedida.
O portavoz parlamentario do PSdeG Xaquín Fernández Leiceaga e a candidata ao Congreso pola Coruña Pilar Cancela. Foto: cedida.  

O xogo da AP-9 entre os partidos estatais acelérase na proximidade do 28-A. É agora o PSdeG quen asegura que a transferencia da xestión da infraestrutura será “un dos obxectivos fundamentais da vindeira lexislatura”. Así se comprometeu a candidata socialista ao Congreso pola Coruña, Pilar Cancela.
 


“Non servirán escusas”, afirmou este domingo, “porque está apuntada na columna do debe e non vai quedar diluída”. No curto mandato de Pedro Sánchez que agora remata, o Congreso admitiu, logo de varias tentativas frustradas, a apertura do debate sobre a titularidade da autoestrada. Posibilitouno a súpeta mudanza de posición do grupo parlamentario do PP en Madrid.

“As deputadas socialistas galegas colocaremos a medida na axenda e manteremos a mesma posición”, prometeu Cancela nunha entrevista na Ser, que considerou a AP-9 “unha infraestrutura fundamental para a estrutura e vertebración do país, e unha conta pendente”. “Será unha prioridade e nos defederémola”, asegurou.   

Xusto nestes día transcendía a cesión da competencia sobre a AP-68 ao Goberno vasco. Coincidía co apoio do PNV aos seis decretos do Executivo de Pedro Sánchez tramitados a pasada semana. A candidata socialista pola Coruña entende que existen “diferenzas de contexto” pero insiste en defender o mesmo para a AP-9.

Pilar Cancela non deixou pasar a oportunidade de criticar as mudanzas de opinión do PP ai respecto. “Desde a Xunta estaban máis calados que agora. Con iso de que estaba o Goberno amigo, parece que non había tanta paixón para defender determinadas cuestións”, afirmou.

O PP apoiou varias iniciativas no Parlamento de Galiza, a proposta do BNG, para reclamar a competencia, ao tempo que as freaba no Congreso dos Deputados. Só a caída de Raxoi conseguiu que os populares actuasen con coherencia entre o Hórreo e Madrid.



x