ACORDOS NOS CONCELLOS

PSdeG e BNG alcanzan un acordo de goberno en Lugo

PSdeG e BNG alcanzan un acordo de goberno en Lugo
Mesa de negociacións entre PSdeG e BNG en Lugo
Mesa de negociacións entre PSdeG e BNG en Lugo  

Na cidade de Lugo BNG e PSdeG alcanzaron un acordo de goberno municipal que se asinará esta sexta feira, un día antes da constitución dos consistorios locais, de así decidir a militancia nacionalista na asemblea local que debaterá se valida ou non o pacto de goberno.


Após os resultados do 26 de maio que deixaron o concello de Lugo sen maiorías absolutas, desde o PSdeG e o BNG traballaron para alcanzar un acordo de goberno na cidade amurallada. Agora son as bases do Bloque Nacionalista Galego en Lugo quen debaterán e votarán se aceptan o acordo. De saír aprobado, está previsto que esta sexta feira representantes de ambas formacións asinen o pacto.  

Así, Lara Méndez continuaría na alcaldía de Lugo baixo as siglas do PSdeG mentres o nacionalista Rubén Arroxo sería o primeiro tenente de alcalde.

Desde o PSdeG sinalaron a existencia de boa sintonía entre ambas partes

As oito actas coas que conta o PSdeG súmanse coas 5 do BNG (no anterior mandato contaba con 2 e o seu ascenso permite que a esquerda reteña o goberno municipal) e forman por tanto unha maioría absoluta fronte as 10 do PP e 2 de Ciudadanos.

Desta maneira, ao igual que en Pontevedra poderá haber un cogoberno nacionalista e progresista.

Segundo transcendeu aos medios o equipo de Lara Méndez levaría a Alcaldía e as concellarías de Economía, Benestar, Persoal e Urbanismo e Medioambiente, Deportes, Medio Rural e Mocidade; mentres que as e os edís do BNG terán a Primeira Tenencia de Alcaldía e as concellarías de Infraestrutura e Mobilidade, Cultura e Turismo, Ensino e Cidadanía.

Desde o PSdeG sinalaron a existencia de boa sintonía entre ambas partes e Rubén Arroxo afirmou "que escribir o futuro de Lugo leva tempo e ten moita responsabilidade, de aí o feito de ter tantas reunións e tantas horas, porque temos que profundar en todos os puntos para este proxecto que temos que ter para os próximos anos". Ç

O líder nacionalista en Lugo tamén sinalou a existencia dunha vontade positiva e construtiva para que Lugo funcione.