ACORDOS

PSdeG e BNG cogobernarán a Deputación de Pontevedra

PSdeG e BNG cogobernarán a Deputación de Pontevedra
Sinatura do acordo entre Regades e Mosquera
Sinatura do acordo entre Regades e Mosquera  

Finalmente o PSdeG non estará en solitario á fronte da Deputación de Pontevedra e cogobernará co BNG. O pacto acadado entre amabas forzas sitúa Carmela Silva de novo na presidencia e César Mosquera como vicepresidente. O acordo foi sinalado por Regades como “a antesala do pacto de goberno que haberá na Xunta entre ambas forzas" para expulsar o PP en 2020.


A Deputación de Pontevedra será de novo cogobernada polo PSdeG e o BNG após a sinatura dun pacto acadado entre ambas forzas e formalizado polo secretario provincial do PSdeG, David  Regades, e o vicepresidente de deputación, o nacionalista César Mosquera.

Mediante este pacto Carmela Silva (PSdeG) continuará de novo na presidencia da institución, o cal xa estaba asegurado dada a maioría case absoluta do PSdeG no ente provincial. Mais César Mósquera (BNG) tamén seguirá a ser o vicepresidente. O pacto está chamado a durar e dar estabilidade durante os vindeiros catro anos e visualízase como "antesala" dun futuro pacto na Xunta.

Regades cualifica o pacto como a "antesala do pacto de goberno" que haberá entre ambos partidos para expulsar o PP da Xunta

Así o sinalou Regades, para quen a sinatura do acordo significa un "exemplo do que hai que facer na Galiza" e engadiu que se trata da "antesala do pacto de goberno" que haberá entre ambos partidos para expulsar o PP da Xunta nos comicios galegos de 2020.

A sinatura do acordo foi posíbel segundo Mosquera “unha vez que ambas as formacións lograron encaixar perfís para sentirse cómodas".

Tanto Regades como Mosquera sinalaron que o acordo foi o produto de catro anos “de boa xestión" á fronte do organismo provincial

Tanto Regades como Mosquera sinalaron que o acordo foi o produto de catro anos “de boa xestión" á fronte do organismo provincial, e puxeron en valor a transformación que “experimentou a deputación provincial durante o actual goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas”. César Mosquera quixo precisar esa afirmación de Regades, engadindo que "máis que un cambio, foi unha revolución", pasando a ser “unha deputación do século XIX a ser unha deputación moderna do século  XXI, transparente e participativa", afirmou Regades, argumentando que "se desaloxaron a arbitrariedade e o caciquismo" con medidas como a supresión dos fondos de libre disposición para dar paso a un "goberno único onde a única prioridade foi traballar pola cidadanía".

Reparto de áreas

Co acordo as 20 áreas en que se dividirá a xestión da entidade provincial, 12 serán para o PSdeG e 8 para o BNG. Os primeiros quedarían á fronte de cooperación cos concellos, cultura, dotacións educativas e investigación, cohesión social e mocidade, igualdade, deportes, infraestruturas e vías provinciais, turismo, emprego, promoción económica e proxectos europeos, réxime interior, economía, facenda e novas tecnoloxías, asistencia intermunicipal, arquitectura e ORAL, e medio ambiente  

O Bloque Nacionalista Galego estará a fronte de 8 áreas, xestionando o Museo de Pontevedra, os fondos documentais e bibliográficos do Arquivo provincial, patrimonio material, normalización lingüística e servizos lingüísticos, mobilidade alternativa e espazos públicos, residuos, cooperación transfronteiriza e a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño.

Ao servizo dos concellos

Mosquera adiantou que en virtude do acordo fomentarase a corresponsabilidade dos concellos a través da posta en marcha de "medidas que permitan unha maior eficiencia na execución dos proxectos para os que soliciten recursos para facilitar unha máis rápida xestión e garantir a execución dos orzamentos que aproba a Deputación".

Mosquera adiantou que en virtude do acordo fomentarase a corresponsabilidade dos concellos a través da posta en marcha de "medidas que permitan unha maior eficiencia na execución dos proxectos"

Ademais, PSOE e BNG volverán reiterar á Xunta a transferencia na xestión do Centro Príncipe Felipe, o campamento da Lanzada, a Escola de Canteiría, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e a Escola de Enfermzría. Unha vez que se realicen estas transferencias o acordo programático sinala que "se poderá tratar a transferencia do Museo de Pontevedra" que, como organismo autónomo, ten "unha área específica porque é un do grandes museo do Estado".