PSdeG e BNG mandan nas cidades

PSdeG e BNG mandan nas cidades
Concello de Ourense
Concello de Ourense  

O PP está a piques de ficar fóra das alcaldías das sete cidades. Acordos de PSdeG e BNG con diferente intensidade simbolizan o xiro cara ao centro esquerda e o nacionalismo en que desembocaron as pasadas eleccións municipais. O crebacabezas ourensán resolveuse coa alcaldía para Díaz Jácome e a Deputación para Baltar.


12-13_politicaO PP non terá alcaldías en seis das sete cidades da Galiza. Na sétima, Ourense, as estrañas e opacas conversas con Democracia Ourensana desembocaron na alcadía de Díaz Jácome e a perpetuación da dinastía Baltar na Deputación. Mais no aire percíbese un fin de ciclo. A Alberto Núñez Feixoo abríuselle unha enorme vía de auga nas bisbarras máis poboadas do país. Queda pouco máis dun ano para as eleccións galegas e o seu partido apenas dispón de poder urbano e quedou fóra de tres deputacións.

O regreso ás zonas nobres dos consistorios de PSdeG e BNG non só é produto da caída da dereita. As mareas –alianzas de partidos de esquerda e nacionalistas– que, en 2015, conquistaran A Coruña, Compostela e Ferrol xa apenas son decisivas. Non o son desde logo en Vigo, onde a esmagadora maioría absoluta de Abel Caballero non precisa de diálogo ningún coa oposición.

Nin en Pontevedra, onde despareceron, Fernández Lores quedou a dous concelleiros da metade máis un (obtivo once cadeiras) e negociou un bipartito co PSdeG.

Posicionamentos

“O Bloque non vai asinar ningún acordo nacional con outra forza política, ningún pacto mecánico que implique apoiar candidatos”, explica o secretario de Organización dos nacionalistas Bieito Lobeira, “mais si temos un criterio político xeral: evitar que o PP manteña o poder alí onde sexa posíbel. Entendemos que é o positivo para o país. Desde ese punto, cada asemblea local decide”. A posición socialista é semellante. “Queremos liderar gobernos de progreso fronte a un PP que segue optando por pactos con Vox. O PP perdeu a credibilidade para representar a maioría”, afirmou Gonzalo Caballero na primeira reunión da Executiva Nacional do PSdeG após o 26M.

A partir deste marco xeral, as casuísticas difiren. Lobeira fala de tres maneiras de facer ver a nova situación: acordos de investidura, de lexislatura ou de goberno. Esta última modalidade é sobre a que traballaron PSdeG e BNG en Lugo, que deseñaron unha estrutura bipartita. Oito edís socialistas e cinco nacionalistas permiten asegurar a maioría absoluta fronte á ducia que suman PP (10) e Ciudadanos. Da corporación saíron Lugo Novo, marea afín a Luís Villares, e Alternativa Cidadá de Esquerdas, marca local de Esquerda Unida.

Mais alá de Pontevedra e Lugo non parece que se vaian constituír gobernos compartidos. Polo menos de momento. Na Coruña, os dous concelleiros do BNG xa anunciaron o seu apoio á investidura da socialista Inés Rey, que ademais contará co dos seis da Marea Atlántica. As forzas de esquerda e nacionalistas suman 17 asentos, contra dez da dereita: nove do PP e un de Ciudadanos.

Nin a Compostela Aberta de Martiño Noriega, que perdeu a alcaldía e cinco dos dez edís que acadara en 2015, nin o Bloque, encabezado por Goretti Sanmartín, que conservou dous, entrarán no executivo de Bugallo. A confrontación entre a confluencia e o PSdeG nos últimos catro anos, campaña incluída, explica o primeiro e mesmo unha posíbel abstención na investidura. O segundo expúxoo Sanmartín: “Non se dan as condicións, sen pechar ningunha porta para retomar esta cuestión”. Os socialistas composteláns contan con dez concelleiros e o PP, con oito.

Ferrol foi a terceira praza urbana na que o experimento das mareas perdeu o 26 de maio. A formación do alcalde en funcións Jorge Suárez, Ferrol en Común, pasou de seis a tres cadeiras no pleno, mentres os socialistas subiron de cinco a oito e formarán goberno. É probábel que os de Suárez acaben por se integrar no executivo. Non o fará o BNG que, con dous concelleiros, si votará a prol da investidura de Ángel Mato.

[Podes ler a peza íntegra no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]