O PSdeG denuncia que o goberno Feijóo repartiu 869 millóns de euros a dedo

O PSdeG denuncia que o goberno Feijóo repartiu 869 millóns de euros a dedo
Villoslada, na redacción de Sermos
Villoslada, na redacción de Sermos  

Segundo o parlamentar Juan Díaz Villoslada, o presidente da Xunta tería destinado de xeito opaco case a metade da contratación anual a contratos menores


O responsábel de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, criticou esta sexta feira en Comisión Parlamentaria a xestión da Xunta a respecto do “volume excesivo” que asinou en favor de contratos menores, que afectan a competitividade económica. Segundo os últimos datos dispoñíbeis, o executivo galego destinou 868.960.521 euros a un total de 123.903 contratos menores, o que supón case a metade da contratación.

 

Díaz Villoslada advertiu que estas concesións lastran a competitividade económica do tecido produtivo. O político preguntou os motivos para ter ampliado o límite mínimo autoesixido para a adxudicación directa deste tipo de contratos. Desde 2013 a 2016, a Xunta duplicou o límite de 9.000 euros para contratos de servizos e subministracións e de 25.000 por obras e pasaron a 18.000 e 50.000 respectivamente.

 

Unhas xestións opacas

 

Aliás, o socialista cuestionou a transparencia destes trámites e sinalou que foron feitos de forma “opaca”. Apunta que o goberno obstaculizou o control e seguimento destes contratos, sendo que na plataforma de contratación “non queda rexistrada a información básica dos contratos menores, senón que unicamente aparece un número reducido de días”. Os datos referentes aos convenios do 2017 non foron aínda publicados.

 

Chama a atención, segundo Díaz Villoslada, que 4 de cada 10 órganos galegos que realizan ditos contratos “ou non formalizan ditos contratos ou directamente non entregan a información”. Augas de Galicia, Portos, o Igape, o Consorcio Galego de Servizos Sociais, A Sociedade Pública de Investimentos ou mesmo a CRTVG foron algúns dos exemplos de entidades que non fan pública esta información.