OFENSIVA DA OPOSICIÓN

O PSdeG esixe o cesamento do conselleiro de Sanidade

O PSdeG esixe o cesamento do conselleiro de Sanidade
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (xersei azul), na Executiva Nacional do partido este 12 de xaneiro. Foto: @PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (xersei azul), na Executiva Nacional do partido este 12 de xaneiro. Foto: @PSdeG  

A oposición intensifica a ofensiva contra a política sanitaria da Xunta. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou este sábado o cesamento do conselleiro Jesús Vázquez Almuiña, e apuntou cara ao presidente Feixoo como “máximo responsábel da crise da sanidade”.
 


Caballero falou após a Executiva Nacional dos socialistas galegos. “De non existir unha rectificación profunda da política sanitaria, o presidente da Xunta ten que tomar todas as medidas sanitarias, incluíndo o cambio de conselleiro, porque Galiza precisa unha mudanza de política sanitaria”, afirmou.

Vázquez Almuiña é o terceiro conselleiro do ramo dos gobernos de Feixoo. Nos últimos meses, os conflitos laborais e asistenciais na sanidade pública multiplícanse. “Cómpre dotar a sanidade de maior orzamento”, sinalou Caballero, antes de solicitar unha investigación oficial a respecto dos dous pacientes mortos nas Urxencias do Hospital de Compostela e cuxa morte investiga a Fiscalía.

“A consellaría ten que esclarecer o que os profesionais declararon e puxeron a disposición da Fiscalía. Feixoo ten un problema, pero o problema témolo todas as galegas e galegos”, engadiu o líder do PSdeG.